En 1969, Celso Emilio Ferreiro xa rompera as relacións coa directiva da Hermandad Gallega de Caracas por profundas desavinzas políticas. Nunha carta datada o 15 de xullo dese mesmo ano explícalle a Xosé Velo, que xa por entón vivía no exilio en Sâo Paulo, os seus proxectos literarios, pero algo máis: “politicamente traballo cun grupo pequeño de amigos a prol da UPG, unha organización de xente moza, de carácter socialista, que hoxe é a única que fai algo na nosa Terra. Noutra ocasión mandareiche o seu programa, que imprentamos eiquí e estamos introducindo no interior”.