Pepe Velo terá un monumento en Celanova

En 1969, Celso Emilio Ferreiro xa rompera as relacións coa directiva da Hermandad Gallega de Caracas por profundas desavinzas políticas. Nunha carta datada o 15 de xullo dese mesmo ano explícalle a Xosé Velo, que xa por entón vivía no exilio en Sâo Paulo, os seus proxectos literarios, pero algo máis: “politicamente traballo cun grupo pequeño de amigos a prol da UPG, unha organización de xente moza, de carácter socialista, que hoxe é a única que fai algo na nosa Terra. Noutra ocasión mandareiche o seu programa, que imprentamos eiquí e estamos introducindo no interior”.

Por Xosé Glez. | Vigo | 14/01/2020

Comparte esta noticia
O 16 de outubro de 1971 volvería escribir outra que remata cun párrafo no que intúe que “como me pasa a min, teredes añoiros de paz e do silencio de Celanova.As pedras, asárbores, os currunchos, os ecos do pasado están elí aínda, e eso abonda”.
 
Xaneiro é un mes moi importante na súa biografía. O día 22 dese mes de 1961 o Directorio Ibérico de Liberación asalta o trasatlántico “Santa María” da Companhia Colonial de Navegaçao portuguesa,rebautizado polo comando que dirixíu o secuestro co nome de Santa Libertad. Unha operación planificada e dirixida por Pepe Velo, que foi a máxima autoridade como Co-director Xeral co seudónimo de Carlos Junqueira de Ambía e  a axudantía de Henrique Galvao e Jorge de Soutomaor (o galego José Fernández), segundo reza nunha Orde do Día emitida a bordo pola  Comandacia Xeral o 30 de xaneiro. Noutro xaneiro de 1972, o día 30,  falece  sendo enterrado coa bandeira galega  no cemiterio de Morumbi, unha pequena localidade de Sâo Paulo.
 
A súa militancia nacionalista comezou sendo un mociño. Ao pouco tempo,con dezanove anos é elixido secretario xeral da Federación das Mocidades Galeguistas. Isto acontece en 1935, un ano antes da sublevación militar que había marcar decisivamente a súa vida posterior. Despois de moitas peripecias instalase en Vigo en 1940  e abre unha academia na rúa Carral  desde onde desenvolve unha intensa actividade política na coordinación da guerrilla na provincia de Pontevedra. En 1944 é detido, torturado e encarcerado, primeiro en Vigo, e despois na Coruña. Aproveitando a liberdade condicional foxe e agóchase  durante un ano e medio en Celanova na aldea de Moreira, ao tempo que o Comandante Xuíz Instrutor,Santiago Vega, dita o 21 de agosto de agosto de 1948 unha requisitora de busca e captura del e de Mariano Otero Castelao, curmán do autor do Sempre en Galiza.
 
Chega a Venezuela en outubro, despois de que o presidente Rómulo Gallegos, amigo seu, ordenara ao consulado en Lisboa lle entregase un “pasaporte de emerxencia” para evitar que a policía política que o detivera o entregase ás autoridades franquistas. Fixa a súa residenca en Caracas onde dirixe o Colexio Orto que gozaba de gran predicamento entre os republicanos e xente progresista de Venezuela. Tamén aquí, como na academia de Vigo, Pepe Velo desenvolve unha actividade política intensa. Dirixe unha sociedade galega; escribe a maior parte da súa obra poética, aínda inédita (máis de 200 poemas);  participa no 1º Congreso da Emigración Galega de 1956 celebrado en Buenos Aires; funda o Directorio Ibérico de Liberación; planifica e executa o secuestro do “Santa María”. Rematada esta xesta revolucionaria acóllese ao asilo que lles ofrece o presidente Jânio Quados e queda en Sâo Paulo, onde funda a “Librería e Editorial Nós  Publicacións Galicia Ceibe”.
 
A Fundación Lois Peña Novo,coa colaboración do Concello de Celanova, Deputación de Ourense, Fundación Curros Enríquez e Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan un acto para o vindeiro 1 de febreiro no Parque das Trigueirizas da Vila de Celanova no que se descubrirá un monumento de Pepe Velo do escultor José Molares.
 
Este será a terceira homenaxe a quen aínda segue a ser un gran descoñecido para as novas fornadas de mozos e mozas de emocións galeguistas/nacionalistas. Primeiro foi a colocación dunha placa na fachada da casa onde vivira no barrio das Travesas en Vigo, e recentemente na Vila de Melgaço coas colaboracións da Deputación de Pontevedra e Cámara Municipal e Asociación de Amigos do Couto Mixto.
 
A vida itensa de Pepe Velo chamoulles sempre a atención aos que o coñecían. El respondéulles  poeticamente asi: “Pois que preguntas,xa sabes/ de onde me vén o folgo/para cantar miña esperanza: Da visión do futuro/anque sempre se chega,/endexamais se alcanza”. Se non apodreceu a  semente, non morreu a esperanza, engadeu.
 
O espazo urbano de Celanova coa incorporación do monumento de Pepe Velo completa a nómina de personaxes egrexios da súa historia que xa teñen senllos monumentos: Curros e Celso Emilio.
 

Pepe Velo nunha xuntanza de republicanos
Pepe Velo nunha xuntanza de republicanos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA