Guía para entender o novo "confinamento" anunciado por Feijóo

Entre as medidas, restricións en todos os concellos, limitación das relacións sociais e peche total da hostalaría e das actividades culturais e deportivas, tamén da universidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/01/2021 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciaba este luns as medidas do novo "confinamento" decretadas polo comité clínico que asesora á Xunta na xestión da crise sanitaria do coronavirus. Un "confinamento" que sen ser o de marzo, limita, e moito actividades esencias. Así, entre as prohibicións que entrarán en vigor ás 00.00 do mércores, 27 de xaneiro, está: 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta de Galicia.

1.Peche perimetral de todos os municipios de Galicia. Os 313 concellos permanecerán pechados e só se poderá ir dun a outro para actividades consideradas esenciais.

2. Limitación das relacións sociais a convivientes. Ás reunións sociais, tanto en espazos públicos como privados estarán limitadas a persoas convivientes, fóra de actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, o coidado de persoas dependentes, así como nos centros educativos que continuarán abertos, sempre que se adopten as medidas de seguridade. Con todo, si se permite a xuntanza nun mesmo espazo de grupo de traballadores ou estudantes que realicen exames. 

3. Suspensión de toda actividade non esencial. Isto tradúcese, tal e como explicou Feijóo, en que todos os locais de hosteleria deberán permanecer pechados e tan só abrirán para entregas a domicilio e recollidas de encargos. Isto non afectará os comedores do ámbito laboral, que poderán seguir ofrecendo comidas aos traballadores dos centros aos que están adscritos.

4. No ámbito do deporte, a súa práctica estará restrinxida ao modo "individual, ao aire libre e no propio concello". Iso implica o peche de ximnasios "e outros establecementos interiores" para o deporte. A excepción a esta norma serán as competicións de ámbito estatal e internacional, mentres que seguen pechadas as de ámbito autonómico. Tamén será obrigatorio o uso de máscara "sempre para correr nas rúas".

5. Tamén deberán pechar ao público cinemas, teatros, auditorios, museos, bibliotecas e outros espazos culturais, así como casinos, salóns de xogo, tendas de apostas, locais de lecer nocturno e espazos de lecer infantil, entre outros.

COMERCIO E GRANDES SUPERFICIES

6. Os establecementos non considerados esenciais continuarán abertos pero deberán adiantar a hora de peche ás 18,00 horas e seguir respectando as restricións de aforamento máximo, situado no 50 por cento. Ademais, os centros comerciais non poderán abrir durante o fin de semana.

7. Si se permite a apertura de supermercados, tendas de alimentación, farmacias e talleres mecánicos, entre outros, ata as 21,30 horas ao ser considerados "servizos esenciais" desde o "primeiro momento" da pandemia, segundo explicou o presidente da Xunta. 

8. Tamén pecharán durante tres semanas instalacións sociais no ámbito da terceira idade como clubs de xubilados ou similares, aínda que continuarán abertos centros de día e residencias de maiores.

EDUCACIÓN

9. Colexios, institutos e escolas infantís non pecharán. Onde non haberá actividade será nas universidades, que renovarán as clases o próximo 8 de febreiro e exclusivamente en formato 'en liña' durante a primeira semana. Está previsto que as facultades recuperen a presencialidade o 17 de febreiro. Iso si, os exames previstos en formato presencial ao longo desta semana manteranse co cumprimento dos protocolos xa establecidos --control de entradas saídas, axustes de horarios e distancias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ramón

Non entendo que se atrasen as aulas das universidades, que van ser telemáticas, unha semana: podería explicar alguén a mellora no impacto sanitario de comezar aulas telemáticas o día 1 e non o 8?