O Parlamento Europeo pide información sobre a investigación dos contratos temporais de enfermeiras en Galicia

A Comisión de Peticións da Eurocámara solicita á Comisión Europea que lle manteña informada.

Por Europa Press / Redacción | Bruxelas | 26/01/2021 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo solicitou este martes á Comisión Europea que lle manteña informada sobre a investigación a España polo abuso dos contratos temporais no persoal de enfermaría en Galicia.

Enfermeiras en Loita polas súas condicións laborais
Enfermeiras en Loita polas súas condicións laborais | Fonte: remitida

A Comisión de Peticións, que preside a 'popular' Dolors Montserrat, decidiu por unanimidade manter aberta a petición, polo que a cuestión seguirá viva nas institucións europeas. En concreto, a Eurocámara pide a Bruxelas que achegue información detallada sobre o expediente incoado a España pola situación do persoal eventual no Servizo Galego de Saúde (Sergas) e sobre os contactos coas autoridades españolas para resolver esta situación.

A cuestión dos contratos de persoal sanitario no Sergas chegou este martes á Eurocámara da man da asociación 'Enfermeiras en Loita', quen de voz da súa representante, Catuxa Lagarón, denunciou a situación na que se atopan, encadeando multitude de contratos temporais para cubrir servizos permanentes.

"Moitas compañeiras teñen máis de 500 contratos asinados na súa vida laboral e só 6 anos cotizados. O Goberno galego non achega datos sobre traballadores sanitarios e vulnera a lei de transparencia", asegurou Lagarón, denunciado que isto supón unha quebra da directiva europea sobre abuso laboral.

Un representante da Comisión lembrou que hai un expediente aberto a España por esta cuestión, aínda que non hai conclusións definitivas. "Estamos en estreito contacto coas autoridades españolas que están a revisar a lexislación para eliminar cláusulas que deriven en prácticas abusivas. O proceso non tocou fin, mantemos aberta a investigación", explicou.

Por parte dos grupos políticos, o socialista Nicolás González Casares puxo o foco en que se trata dun "mal endémico" do servizo sanitario galego que "burla o dereito laboral". "Non se precariza algo eventual, senón a atención continuada da saúde que é un dereito dos cidadáns. Concúlcanse dereitos e vulnéranse directivas", alertou.

O europarlamentario do PP Francisco Millán Mon, pola súa banda, rebateu que o problema dos contratos temporais estea estendido, ao asegurar que un 73% dos traballadores do Sergas son fixos e que o pasado ano fixéronse contratos fixos para 800 novos profesionais, chegando a un total de 2.000 incorporacións nos últimos anos. "A Xunta convoca o número de prazas que lle permite o Goberno. Trabállase para atopar fórmulas de estabilidade laboral", defendeu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta