Temas: FRASEOLOXíA

“Faltarlle unha fervura # fervedura # cocedura”, equivalentes, entre outras, á castelá “faltarle un hervor”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 07/02/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Dándolle continuidade á xeira comezada no artigo Choverlle” ou “choverlle na cabeza”, equivalentes, entre bastantes outras, á castelá “faltarle un tornillo (a cuxa nota 1 nos volvemos remitir), no cal comezamos a abordar expresións que se lles aplican a persoas que, dunha ou doutra maneira, actúan ou fan cousas que temos por anormais ou por pouco apropiadas, ímonos ocupar nesta ocasión de xeitos de dicir galegos que veñen a equivaler ó castelán faltarle a alguien un hervor.

potas pulpeira
potas pulpeira

Faltarle a alguien un hervor

{= Ser alguén pouco maduro, espelido ou aleuto en relación coas persoas normais do seu tempo. [Adóitase utilizar cando esa persoa a quen se lle aplica di ou fai algunha cousa que se considera de pouco sentido ou xuízo, ou de xente inmadura.].}

Faltarlle unha fervura

Faltarlle unha fervedura

Faltarlle unha cocedura

[E MAIS]:

Faltarlle un verán

Faltarlle unha primavera

Faltarlle unha lúa

[E TAMÉN]:

Non ser dos seus[meus, teus...] días && Non parecer dos seus[meus, teus...] días

Non ser do seu[meu, teu...] tempo && Non parecer do seu[meu, teu...] tempo

Ex.: ¿Pero te parece normal, con veintidós años, echarle gasolina al depósito del diésel de tu padre para gastarle una broma? ¡A ti te falta un hervor, chaval!

¿Pero paréceche normal, con vinte e dous anos que tes, botarlle gasolina ó depósito do diésel de teu pai para lle gastar unha broma? ¡A ti fáltache unha fervura unha fervedura unha cocedura un verán unha primavera, meu home! & ¡Ti non es dos teus días non es do teu tempo, meu home!

● Tamén, en moitos contextos:

No ser normal

Non ser ben && Non ser ben dado && Non ser ben avisado # ben acabado && Non ser (ben) completo && Non ser cen por cento && Non ser normal && Non ser ben aleuto # ben asisado # ben autente && Ser # Parecer do cedo && Ser para pouco && Ser de pouco recado

Ex.: ¿Pero paréceche normal, con vinte e dous anos que tes, botarlle gasolina ó depósito do diésel de teu pai para lle gastar unha broma? ¡Ti non es ben non es ben dado non es ben avisado non es ben acabado non es (ben) completo non es cen por cento, meu home! & ¡Ti es do cedo es para pouco es de pouco recado, meu home!

● Tamén:

Faltarlle aire ó nacer && Cobrar # Ter # Darlle unha paga && Ter algo && [E MESMO]: Ter unha leira en Toledo

Ex.: ¿Pero paréceche normal, con vinte e dous anos que tes, botarlle gasolina ó depósito do diésel de teu pai para lle gastar unha broma? ¡A ti faltouche aire ó nacer A ti danche unha paga, meu home! & ¡Ti cobras unha paga tes unha paga tes algo tes unha leira en Toledo, meu home!

NOTAS:

1. A expresión non ser dos seus[meus, teus...] días presenta diversas variantes, convén a saber:

Non ser ben dos seus[meus, teus...] días

Non ser do seu[meu, teu...] día

Non ser ben do seu[meu, teu...] día

Así, mesmo a paremia non ser do seu[meu, teu...] tempo tamén a temos rexistrada coa variante seguinte:

Non ser ben do seu[meu, teu...] tempo

2. A paremia ter unha leira en Toledo, recollida do traballo “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”, indica, segundo se nos di na propia fonte, que alguén ten un defecto, especialmente mental (mesmo se fornece a información de que o topónimo Toledo se está a empregar eufemisticamente no canto da voz tolo), e así mesmo tamén dá a entender, ou pode dar a entender –supomos que por causalidade desa tara mental–, que alguén non é de fiar, como se pode apreciar no seguinte exemplo, tirado tal cal do referido traballo:

Parece moi amable e moi traballador, pero non te fíes, a min paréceme que ten una leira en Toledo.

3. As expresións galegas están sacadas das seguintes fontes, ou baseadas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Anta Fernández, Alicia: “O Robledo é capital e o demais son conquistas: fraseoloxía de Robledo de Domiz”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 23, 2021, páxs. 141-157. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [actualmente, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Xaquín

Por terras de Cedeira (A Coruña), tamén se di igual que "faltarlle unha fervedura", "naceu en domingo".

1 xoseant.pena

Descoñecía a expresión. Graciñas pola información.