Temas: FRASEOLOXíA

“Choverlle” ou “choverlle na cabeza”, equivalentes, entre bastantes outras, á castelá “faltarle un tornillo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 17/01/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para manifestar que alguén está –quer de maneira permanente, quer de maneira puntual– coas facultades mentais un tanto perturbadas ou distorcidas, de xeito tal que actúa dun modo que atopamos anormal e pouco apropiado, en castelán é moi habitual escoitar que a esa persoa le falta un tornillo ou que tiene flojo un tornillo.

Unha persoa camiña baixo a choiva protexida cun paraugas
Unha persoa camiña baixo a choiva protexida cun paraugas | Fonte: Europa Press

Malia que entre galegofalantes xa non é raro escoitar tampouco a adaptación destas expresións (mantendo, iso si, o castelanismo tornillo), o certo é que inda son moi correntes secuencias fraseolóxicas do tipo de choverlle ou choverlle na cabeza, sen contar con varias outras se cadra non tan estendidas pero que inda tamén son empregadas, e das que imos dar conta (obviamente, só daquelas que temos rexistradas, xa que é case seguro que haxa máis) a seguir.

Faltarle a alguien un tornillo && Tener alguien flojo un tornillo

{= Estar alguén –quer de maneira permanente, quer de maneira puntual– coas facultades mentais un tanto perturbadas ou distorcidas, de xeito que actúa dun modo que se considera anormal e pouco apropiado.}

Choverlle (por todos os lados)

Choverlle na cabeza

Choverlle no tellado

Xearlle na cabeza

Faltarlle unha tella

Ter unha doela de menos

Faltarlle unha doela

[E MAIS]:

Choverlle pola cheminea # na cheminea

Non lle fumegar ben a cheminea

Ex.: ¿Pero cómo que quiere ir a la Policía para que lo meta un par de días en el trullo y vivir así una nueva experiencia? ¡A este le falta un tornillo!

¿Pero como que quere ir á Policía para que o meta un par de días no cagarrón e vivir así unha nova experiencia? ¡A este chóvelle e ó carallo A este chóvelle por todos os lados e ó carallo A este chóvelle na cabeza e ó carallo A este xéalle na cabeza e ó carallo A este fáltalle unha tella e ó carallo Este ten unha doela de menos e ó carallo A este fáltalle unha doela e ó carallo A este fulano chóvelle pola cheminea e ó carallo A este fulano non lle fumega ben a cheminea e ó carallo!

Ex.: ¿¡Que se ha comprado un coche de segunda mano con el dinero que le prestó su hermano para que pudiese seguir estudiando este año!? ¡Vamos, hombre, no me digas que a este tío no le falta un tornillo!

¿¡Que comprou un coche de segunda man cos cartos que lle prestou seu irmán para que puidese seguir a estudar este ano!? ¡Vamos, home, non me digas que a este fulano non lle chove que a este fulano non lle chove por todos os lados que a este fulano non lle chove no tellado que a este fulano non lle xea na cabeza que a este fulano non lle falta unha tella que este fulano non ten unha doela de menos que a este fulano non lle falta unha doela que a este fulano non lle chove pola cheminea que a este lle fumega ben a cheminea!

● Tamén:

Perder (por todos os lados) && Entrarlle aire na cabeza && Entrarlle correntada na cabeza && [E MAIS]: Amolecerlle o miolo && Amolecer do miolo && Ter amolecido o miolo && Abanarlle os miolos && [E INDA INCLUSO]: Patinarlle o embrague

Ex.: ¿Pero como que quere ir á policía para que o meta un par de días no cagarrón e vivir así unha nova experiencia? ¡Este perde por todos os lados e ó carallo A este éntralle aire na cabeza e ó carallo A este éntralle correntada na cabeza e ó carallo A este amolécelle o miolo e ó carallo Este amolece do miolo e ó carallo Este ten o miolo amolecido e ó carallo A este abánanlle os miolos e ó carallo!

Ex.:¿¡Que comprou un coche de segunda man cos cartos que lle prestou seu irmán para que puidese seguir a estudar este ano!? ¡Vamos, home, non me digas que este fulano non perde que este fulano non perde por todos os lados que a este fulano non lle entra aire na cabeza que a este fulano non lle entra correntada na cabeza que a este fulano non lle amolece o miolo que este fulano non amolece do miolo que este fulano non ten amolecido o miolo que a este fulano non lle abanan os miolos!

● E mesmo tamén:

No estar en sus cabales && [E MAIS]: No estar en su sano juicio && Estar fuera de su acuerdo

Non regular (ben) && Non rexer (ben) && Non formar (ben) && Non xirar ben && Non ter os cinco sentidos ben asentados && [E MAIS]: Non estar no seu perfecto xuízo && Non estar no seu acordo && Non estar no seu san acordo

Ex.: ¿Pero como que quere ir á policía para que o meta un par de días no cagarrón e vivir así unha nova experiencia? ¡Este non regula e ó carallo Este non rexe ben e ó carallo Este non forma e ó carallo Este non ten os cinco sentidos ben asentados e ó carallo Este non está no seu perfecto xuízo e ó carallo Este non está no seu (san) acordo e ó carallo!

Ex.:¿¡Que comprou un coche de segunda man cos cartos que lle prestou seu irmán para que puidese seguir a estudar este ano!? ¡Vamos, home, non me digas que este fulano regula que este fulano rexe que este fulano forma que este fulano ten os cinco sentidos ben asentados que este fulano está no seu perfecto xuízo que este fulano está no seu (san) acordo!

● E mais tamén:

No estar bien de la cabeza && Estar mal de la cabeza && [PROBABLEMENTE MÁIS COLOQUIAL]: Estar tocado de la cabeza # del ala && [E, ASOCIADAS A ÁMBITOS DE USO MÁIS COLOQUIAIS E FAMILIARES, OU MESMO VULGARES]: Estar jodido de la cabeza

Non estar/andar ben da cabeza && Estar/Andar mal da cabeza && [PROBABLEMENTE MÁIS COLOQUIAL]: Estar/Andar tocado (da cabeza # do testo # do cacho) && [E, ASOCIADAS A ÁMBITOS DE USO MÁIS COLOQUIAIS E FAMILIARES, OU MESMO VULGARES]: Estar/Andar fodido da cabeza

● E inda, paralelas ás secuencias do parágrafo precedente, pero probablemente asociadas a ámbitos de uso un tanto máis coloquiais ou familiares:

No estar bien {Ou, no seu canto: Estar mal # Estar tocado. Ou, inda máis coloquial e familiar, ou mesmo vulgar: Estar jodido} del coco # de la chaveta # de la chola # de la cholla # de la mollera # de la cocorota && [E, MAIS]: No estar bien {Ou, no seu canto: Estar mal # Estar tocado. Ou, inda máis coloquial e familiar, ou mesmo vulgar: Estar jodido} de la azotea

Non estar/andar ben {Ou, no seu canto: Estar/Andar mal # Estar/Andar tocado. Ou, inda máis coloquial e familiar, ou mesmo vulgar: Estar/Andar fodido} do testo # da cachola # da chola # do coco # da croca && [E, MAIS]: Non estar/andar ben {Ou, no seu canto: Estar/Andar mal # Estar/Andar tocado. Ou, inda máis coloquial e familiar, ou mesmo vulgar: Estar/Andar fodido} do tellado # da cheminea # da azotea # da parrumeira

● E inda incluso:

Non andar ben das bércolas && Andarlle o sentido/sentidiño polas silveiras && Ter o sentido a compoñer

NOTAS:

1. Polo que atangue á información que se fornece neste artigo, é mester facer notar que pode haber (de feito, hainos) bastantes contextos en que as expresións nel reflectidas se poden trocar coas expresións que veremos nas vindeiras entregas, que son as que poderiamos dicir que máis ou menos veñen equivalendo ás castelás estar alguien como una cabra, faltarle un hervor a alguien e írsele la pinza a alguien. Para mostra, un botón:

Ex.: No me digas que no le falta un tornillo que no está como una cabra que no le falta un hervor que no se le va la pinza: va a hipotecar la casa de sus padres para comprarse un coche de lujo.

Non me digas que non lle chove (no tellado) que non está coma unha cabuxa que non lle falta unha fervura que non se lle vai a cachola: vai hipotecar a casa dos seus pais para comprar un coche de luxo.

2. A voz doela (rexistrada na fonte da que se tirou coa variante aduela) supomos que, partindo do eido semántico en que se moven varias das expresións fraseolóxicas galegas máis estendidas, fai referencia á acepción de “Cada unha das táboas que se colocan sobre as vigas para suxeitar as tellas do tellado”.

Deste xeito, e en definitiva, se o tellado ten unha doela de menos, acaba chovendo dentro... e xa vimos nas expresións recolleitas que esta metáfora da chuvia énos ben (=moi) empregada.

3. Polo que respecta ás secuencias expresivas en que aparece –ou en que vai aparecer nos seguintes artigos– a voz cabeza (por exemplo, non estar ben da cabeza ou estar mal da cabeza), e inda que no desenvolvemento do artigo só reflectimos aqueles sinónimos que na dita expresión temos recollido oralmente, parece claro que serían susceptibles de se empregar (asociados neste caso máis ben a contextos de uso familiares e coloquiais) outros vocábulos tamén sinónimos neste sentido. Ex.:

Ese tío está mal da cabeza # do testo # da cachola # da chola # do coco # da cacha # da cachamea # da cachamúa # da cachucha # da calamoucha # do cacho # do caco # da calamoucha # da chaveta # da chencha # da coca # da cocorota # do cocorote # da cotena # do cocote # da croca # da crisma # da moucha # da parrumeira # do tarabigo.

4. No que atinxe ó “tamén” que principia por no estar en sus cabales, obsérvese que nas tres primeiras secuencias que se reflicten para o galego (cos verbos regular, rexer e formar, todos eles rexistrados de fontes orais), a presenza ou non do adverbio “ben” é opcional. Sen embargo, na cuarta das secuencias non facemos constar o dito adverbio como opcional (inda que realmente non nos estrañaría que tamén o fose), na medida en que a recollemos tal cal do Glosario de voces galegas de hoxe, do profesor Constantino García.

5. Con relación á voz bércolas, tirada da sección “Palabras con memoria” da Asociación de Escritores en Lingua Galega, o único que podemos dicir é que nin a coñeciamos nin sabemos con que outra voz galega pode estar emparentada.

6. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”1, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Domínguez Rial, Evaristo: “Fraseoloxía e paremioloxía de Bergantiños (Cabana de Bergantiños, Carballo e Coristanco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 13, 2011, páxs. 301-404. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano da Real Academia Galega, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego, publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta