O Santiago Futsal xa está nos cuartos do Mundialito

Os composteláns gañan 3-1 ao equipo tailandés adestrado por Pulpis e xogaranse o domingo a primeira praza do grupo D cos croatas do MNK Alumnus.

Por gcdeportes | Compostela | 17/07/2013 | Actualizada ás 19:47

Comparte esta noticia

Dúas vitorias en dous partidos. O Santiago Futsal gañou 3-1 no segundo partido do Mundialito de clubs de Kuwait, garantindo así o seu pase a cuartos de final. Os de Santi Valladares xogaranse no derradeiro partido cos croatas do MNK Alumnus (domingo, 15.00 horas) o primeiro posto do grupo D.

Imaxe do partido do Santiago Futsal co Chonburi.
Imaxe do partido do Santiago Futsal co Chonburi.

O partido principiou con dominio dos composteláns, que tiveron enseguida a primeira ocasión nun forte disparo de Eloy Rojas desde fóra da área. Pouco tardou en inaugurar o marcador o Santiago Futsal: foi no minuto 6 cando, tras robo e pase de Barroso, Hamza marcou o primeiro. Aínda que o Santiago xa fixera 5 faltas, foron quen de aguantar o 1-0 ata o tempo de lecer.

Na segunda metade, os composteláns saíron de xeito arrollador e, nun minuto, Alan Brandi sentenciou o partido marcando dous goles: o primeiro tras unha gran xogada individual de Hamza e o segundo tras outro gran pase de Barroso. Tras varios minutos de igualdade, os tailandeses comezaron a crear perigo na portaría defendida por Carlos Barrón. Así chegou o único tanto dos de Pulpis (ex do Santiago), tras un tiro lonxano de Nattawut. Xapa vestiuse de porteiro-xogador para os tailandeses a 3 minutos do final, pero o 3-1 xa foi definitivo.

Santi Valladares, técnico do Santiago Futsal, resumiu o segundo partido: “Na primeira parte saímos con moita ansiedade e aínda que metemos un gol rápido, non soubemos dominar a ansiedade. Quixemos ir a por eles, cando agardaban na metade da cancha. Na segunda parte, a ansiedade quedou no vestiario, saímos moi concentrados e sentenciamos. Fomos xustos vencedores”.

Santiago Futsal: Carlos Barrón, David, David Pazos, Diego Quintela e Eloy Rojas (cinco inicial), Barroso, Hamza, Alan Brandi, Lucho, Santi e Pablo Tallón.

Chonburi:  Esmaeli, Suphawut, Xapa, Kritsada e Apiwa (cinco inicial), Rossanakarn, Nattawut, Natthapon e Chalaemkhert.  

Goles: 1-0 Hamza (m. 6). 2-0 Alan Brandi (m. 21). 3-0 Alan Brandi (m. 22). 3-1 Nattawut (28).

Árbitros: Ali Sohrabi e Vahid Arzpeima (Irán). Amarelas para Xapa, Apiwa, Rossanakarn e Kritsada do Chonburi, e para os composteláns David e Pablo Tallón.

Incidencias: Segundo partido do grupo D do Mundialito de clubs de Kuwait, disputado no Kazma SC Hall ante 1.000 espectadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta