O PP rexeita regular e dotar de transparencia os contratos eólicos e di que pedilo é "un ataque" ao sector

Tamén rexeita mocións sobre a mellora do emprego xuvenil e dixitalización do rural.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

O Grupo Parlamentario Popular rexeitou cos seus votos as mocións debatidas este martes no pleno do Parlamento de Galicia a través das que o PSdeG reclamou un novo modelo eólico e o BNG pediu medidas para mellorar a empregabilidade dos mozos e a dixitalización do rural.

Parque eólico de Greenalia en Miñón (A Coruña). GREENALIA
Parque eólico de Greenalia en Miñón (A Coruña). GREENALIA

Na sesión, o portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, instou á Xunta a "pactar un novo modelo eólico" para "corrixir as deficiencias" do sistema durante a defensa dunha moción sobre a política do Goberno galego en relación coas negociacións entre promotores eólicos e os propietarios dos terreos.

Seco pediulle á Xunta que "negocie" este novo modelo "coa participación de todos os sectores implicados" e pór así "solución aos múltiples problemas de transparencia, participación, asesoramento e garantías ambientais, xerados polos consecutivos regulamentos do PP desde o ano 2010".

Aínda que os socialistas rexeitaron unha emenda presentada polo BNG, os nacionalistas mostraron o seu apoio a esta iniciativa por considerar que coincidía en varios puntos con reclamacións xa trasladas polo Bloque á Cámara. Con todo, tampouco foi aprobada ao ser rexeitada polo Grupo Parlamentario Popular.

En concreto, a deputada do PPdeG Marta Novoa acusou aos socialistas de "porse en contra dun sector exitoso e de futuro" como é o eólico. "Vostede pide cousas que porían a Galicia en situación de inferioridade con respecto a outras autonomías", argumentou. "Temos unha administración e unha industria seria que non se merece o ataque constante desta oposición, deberían deixar de facer oposición ao sector", apuntou.

OUTRAS INICIATIVAS REXEITADAS

En primeiro lugar, o deputado do BNG Daniel Castro presentou unha iniciativa mediante a que propuxo unha batería de medidas para mellorar a dixitalización do rural de Galicia e reducir a "fenda dixital". "Os galegos non poden desenvolver o seu traballo, os seus estudos ou parte do seu lecer do mesmo xeito que outros cidadáns do Estado polo simple feito de vivir en Galicia", denunciou o parlamentario, que denunciou un "déficit de banda ancha", a baixa "alfabetización dixital" e a falta de cobertura de zonas do rural.

Tras este debate, o nacionalista Paulo Ríos defendeu outra batería de iniciativas orientadas a mellorar a empregabilidade dos mozos e reducir a precariedade. Así, propuxo realizar un estudo sobre a situación laboral deste colectivo, elaborar un novo plan dotado coas partidas orzamentarias que fosen necesarias para o desenvolvemento de programas que favorezan a creación de emprego xuvenil estable, levar a cabo políticas de vivenda que permitan o acceso ás mesmas por parte dos mozos, así como adoptar medidas para reverter a "fuga de talento", entre outras cuestións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta