Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/01/2021 | Actualizada ás 15:34
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu defender o sector da caza e a necesidade que poidan moverse libremente por toda Galicia, a pesar das estrictas medidas de confinamento que el mesmo decretou para todos os concellos de Galicia. O seu argumento: que son necesarios para controlar á praga do "xabarín".
O DOG publicaba este 27 de xaneiro que permitiría aos cazadores da Comunidade o desprazamento pola totalidade do territorio. O anuncio, recollido no artigo 6, non discrimina expresamente entre practicantes federados e non federados, pero si limita --a diferenza de anuncios anteriores-- a práctica permitida á caza de xabarín e lobo en supostos concretos.
De acordo co mesmo texto, a Xunta non aplicaría as limitacións de entrada e saída dos municipios a todas aquelas persoas que desenvolvan "accións de caza sobre o xabarín" desenvoltas de acordo cos "plans anuais de aproveitamente cinexético". Máis restritivo é o caso do lobo, que tan só se poderá cazar no caso de "danos á agricultura ou á gandaría".
E, precisamente, ese foi o argumento que volveu utilizar o presidente galego xa que os cazadores, dixo, "son imprescindibles para manter o gando e o agro de xeito razoable a pesar da pandemia". Ao ser preguntado por Galicia Confidencial sobre como é posible que os familiares e amigos non se poidan ver e si os cazadores, Feijóo dixo que "este tipo de preguntas son moi recorrentes". Así, insistiu en que a Xunta ten "moitas reclamacións" de gandeiros polos ataques do xabarín e, por iso, suliñou, "a Xunta deixa facer batidas".
PERSOAS SOAS
Por outra banda, Feijóo tamén dixo que "se pode saltar a norma", a súa propia norma, para atender a aquelas persoas que vivan soas. "Se é necesario saltar a norma para cumplir a norma, ás veces hai excepcións que hai que facer", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.