Por Galicia Confidencial | Santiago | 26/07/2013 | Actualizada ás 11:23
ACTUALIZACIÓN DAS 00.30 HORAS
ACTUALIZACIÓN DAS 19.00 HORAS:
Varias contas do Youtube están a publicar o vídeo dunha cámara fixa de Renfe no que se aprecia o descarrilamento. O tren circula a unha velocidade que, en apariencia, parece excesiva para unha curva pechada. Nas imaxes non se ven persoas, pero GC avisa de que o vídeo pode ferir a sensibilidade nestas circunstancias:
O presidente do Goberno chegou a Santiago sobre as 11:30 horas e xa visitou o CHUS, onde están a maioría dos feridos. Mariano Rajoy tamén visitou Angrois, a zona cero do accidente. Polo de agora as autoridades non fixeron públicas as identidades dos falecidos.
A Xunta organizou un Consello especial. O presidente Alberto Nuñez Feijóo leu unha declaración institucional na que amosou o apoio de todo o pobo galego as vítimas e agradeceu as mostras de solidariedade. O Goberno galego declarou sete días de loito oficial, e o central, tres xornadas.
ACTUALIZACIÓN DAS 8:50 HORAS:
Dende un primeiro momento os cidadáns galegos responderon masivamente ao chamamento das autoridades para doar sangue. Se ben nun primeiro momento pedíronse donantes, aproximadamente a 1:30 da mañá lugares como o Centro de Transfusión de Galicia, situado no Monte da Condesa, mandaban para casa a centos de persoas que facían cola. A avalancha de xente fixo que se saturara o servizo.
Con todo, é importante que os cidadáns sigan acudidando a donar sangue nos próximos días para ir repondo as reservas. En A Coruña o CHUAC é o centro ao que dirixirse; en Vigo, Nicolás Peña; en Ourense o CHOU; en Pontevedra o Hospital Provincial, en Ferrol o Marcide; e en Lugo o Hospital Lucus Augusti. Os grupos máis necesarios son 0 negativo e A negativo.
Habitacións gratis
A Asocación de Empresarios de Hostelería tamén deu unha lección solidariedade ao habilitar unha bolsa de habitacións de balde para os familiares dos afectados poucas horas despois do accidente. "Estamos organizando un banco de habitaciones para los familiares de las victimas. Esperamos q nos deis diponibilidad de habitaciones", solicitaba a patronal aos seus socios no Twitter a unha da mañá. Os empresarios centralizan este servizo, que tamén ofrece comida gratis, a través do centro de atención aos familiares, situado no Edificio Cersia, no compostelán barrio de San Lázaro, na rúa Alcalde Raimundo López Pol.
Un balance tráxico que podería empeorar
Neste centro xa hai dispoñíbel a primeira lista de feridos e persoas que seguen hospitalizadas. A lista de falecidos non deixa de medrar até alcanzar cifras impensables. Polo de agora, van 80 mortos e 141 feridos.
A cifra podería aumentar. Desgraciadamente, os bombeiros aínda non foron quen de acceder a un vagón e a metade doutro, segundo informa insitu a Radio Galega, que está a ofrecer unha cobertura especial.
As autoridades tamén piden que non se aparque nas inmediacións do lugar do accidente, en Angrois, nin dos centros hospitalarios de Compostela. O alcalde de Santiago acaba de confirmar que hai máis de 140 feridos. As ambulancias están a trasladar os máis leves a centros hospitalarios doutras cidades.
Teléfonos de axuda
A Policía Nacional atende na comisaría de Santiago, no 981.55.11.00. Renfe ten operativo o 900 101 660 dende as 11:30 horas da noite.
A Xunta de Galicia informa da habilitación de dous números de teléfono para a atención exclusiva dos familiares. Os números de teléfono son os seguintes: 900 101 660 e 900 444 222.
Os bombeiros desconvocan a folga
Os bombeiros do Consorcio da Coruña desconvocaron a folga para vir axudar a Compostela e cubrir as baixas dos compañeiros desprazados. Nas redes sociais son inumerábeis as testemuñas de médicos e outros especialistas en emerxencias que deixaron as súas vacacións para botar unha man.
O equipo de GC mostra a súa solidariedade con todos os afectados polo accidente, especialmente coas familias das persoas falecidas e feridas.
A actualidade da traxedia en tempo real
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.