Asinado o convenio de execución da nova depuradora de Santiago 20 anos despois

O proxecto supón un investimento de 68 millóns a repartir entre fondos europeos, da Xunta e municipais. O Concello de Santiago decidirá en 2025 se a nova depuradora encarece ou non a factura da auga.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/02/2021 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

A sociedade mercantil estatal Acuaes, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Consellería de Infraestruturas da Xunta e o Concello de Santiago rubricaron este venres, nun acto telemático, o convenio para a execución e explotación da nova estación depuradora de augas residuais da Silvouta, unha instalación que contará cun investimento previsto de 68 millóns de euros e que supón saldar "unha débeda pendente" coa capital galega, tal e como dixo a conselleira Ethel Vázquez.

No acto de firma, ademais da responsable autonómica de Infraestruturas, participaron a directora xeral de Acuaes, Rosa Cobo, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e foi en presenza do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán.

Esta firma avanza nun proceso iniciado hai dúas décadas, que, finalmente, logrará que a depuración das augas residuais de Santiago sexan compatibles coas condicións de vertedura ao río Sar que esixe a normativa vixente, especialmente no relativo á eliminación de nutrientes, resolvendo ademais os problemas de capacidade hidráulica da actual depuradora e obtendo unha redución eficiente da carga contaminante.

CAPACIDADE PARA 277.000 HABITANTES

Tal e como lembrou Rosa Cobo, este convenio encamiña cara á solución a un problema "longamente demandado" polo Concello de Santiago e que iniciou a súa catalogación como de interese no ano 2001, hai dúas décadas.

Fases do proxecto de ampliación da EDAR da Silvouta. CONCELLO DE SANTIAGO
Fases do proxecto de ampliación da EDAR da Silvouta. CONCELLO DE SANTIAGO

A actuación inclúe as obras de construción dunha depuradora que dará servizo a unha poboación de 277.000 habitantes equivalentes --a actual cobre 103.000--, así como a conexión á rede de colectores existentes e a execución dunha nova acometida eléctrica compatible coas necesidades enerxéticas da nova instalación e dotada dunha subministración eléctrica de respaldo.

Tras a firma, a conselleira Ethel Vázquez destacou a implicación do tres administracións, que colaboraron para "saldar esta débeda pendente" con Santiago de Compostela. Para a conselleira, a de hoxe é unha "excelente noticia" que demostra que "os proxectos estratéxicos deben de ser froito de grandes acordos".

BUGALLO

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, dixo este venres que será a Corporación do Concello de Santiago do 2025 a que deberá decidir sobre se a nova depuradora da Silvouta implica ou non unha subida da factura da auga. "Agora están abertas todas as posibilidades para non comprometer á futura Corporación que salga das eleccións do 2023", sinalou.

Así, Bugallo explicou que, para entón, o Concello poderá decidirse por "repercutilo na tarifa", por asumir o custo cos seus orzamentos ou por un sistema mixto. En calquera caso, isto materializaríase "a partir de 2026", cando se espera que a depuradora da Silvouta --que tamén dará servizo ao Milladoiro, en Ames-- estea xa operativa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta