Temas: RíOS XUNTA AUGA

O Plan hidrolóxico Galicia Costa 2021-2027 da Xunta podería estar aprobado este ano

Os aspectos iniciais do novo plan definíronse mediante os documentos previos nos que se traballou durante o tres últimos anos, cando tamén se abordaron os esquemas de temas importantes, que determinan os aspectos que centrarán a xestión hidrolóxica nos próximos anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2021 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

A Xunta prevé dispor en marzo do Plan hidrolóxico Galicia Costa 2021-2027, que se someterá a consulta pública durante seis meses, e que a súa aprobación definitiva poida realizarse este ano.

Precisamente, o Consello Reitor de Augas de Galicia abordou este venres o traballo realizado para a planificación hidrolóxica do próximo período, segundo recolleu a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nun comunicado. Así, esta ferramenta programa, xestiona e ordena os recursos hídricos e revísase e actualiza cada seis anos, de acordo coa normativa europea.

Os aspectos iniciais do novo plan definíronse mediante os documentos previos nos que se traballou durante o tres últimos anos, cando tamén se abordaron os esquemas de temas importantes, que determinan os aspectos que centrarán a xestión hidrolóxica nos próximos anos.

Despois, estes procedementos foron sometidos a consulta pública durante períodos de seis meses e, este venres, o Consello Reitor de Augas de Galicia emitiu un informe en relación ás achegas solicitadas e abordou os pasos que se deberán dar para a aprobación definitiva do plan.

En concreto, prevese dispor do documento o próximo mes de marzo, tras o que se someterá a un novo proceso de consulta pública. Tras analizar as suxestións definitivas, elaborarase o texto definitivo, que deberá autorizar o Consello Reitor para a súa aprobación por parte do Consello da Xunta.

O Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2021-2027 deberá ser informado ademais o Consello Nacional da auga e completar a súa aprobación definitiva como Real Decreto por parte do Consello de Ministros, o que se prevé que teña lugar este ano. Finalmente, o Goberno central deberá remitir a planificación á Unión Europea (UE).

RETOS DO NOVO PLAN HIDROLÓXICO

Os retos que se abordarán mediante o plan hidrolóxico dos próximos anos serán promover a cogobernanza da xestión da auga e impulsar unha visión dos ríos que exceda a súa contorna e contemple toda a conca hidrolóxica.

A análise integral do territorio facilitará ademais actuar e reducir os efectos dos eventos extremos, as secas e as inundacións ante o impacto do cambio climático. Ademais, o novo plan incluirá entre os seus obxectivos a curto prazo abordar de modo diferenciado o abastecemento e o saneamento rural no ámbito das infraestruturas hídricas.

Así mesmo, apostarase por continuar a profundización en aspectos fundamentais da protección dos cursos fluviais e a xestión do dominio público hidráulico dada a necesidade de avanzar na regulación de caudais ecolóxicos, a loita contra a contaminación difusa e as especies exóticas invasoras. Na reunión deste venres, o Consello Reitor de Augas de Galicia tamén deu luz verde á conta anual da entidade correspondente a 2019 e revisou en detalle os orzamentos para 2021.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participan no Consello Reitor de Augas de Galicia. XUNTA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participan no Consello Reitor de Augas de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

Temas: RíOS XUNTA AUGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta