Socialismo

"Considerámonos dentro da tradición política e cultural dunha esquerda inclusiva na que teñan cabida non só as vellas culturas da esquerda (socialdemocracia, comunismo, pensamento libertario) do século pasado senón tamén as lecturas realizadas á luz do ecoloxismo, o antripatriarcalismo, o anticonsumismo, etc". Estamos en construción. Documento inicial do Novo Proxecto Común do Val Miñor

Por Carlos Méixome | Vigo | 01/08/2013

Comparte esta noticia
Virou a miña vida, en tempos de adolescencias breves, cun simple xesto e unha frase. Prestoume un libro, o primeiro non escolar que tiña nas miñas mans e o primeiro escrito na lingua que falaban os meus pais cando non se dirixían a min. Era unha vella edición,  é posible que de 1904, de O divino sainete; díxome “cóidamo que me custou catro patacos libralo dunha fogueira”. A frase tardei anos en comprendela, o libro tamén.
 
Foi un simple traballador, ás veces asalariado e outras autónomo, autodidacta. Sendo un neno foise a Bos Aires na enxurrada migratoria dos primeiros anos do pasado século. Alá andou cos arredistas da Pondal, repartindo A Fouce e pateando, contábao con certa rexouba, a Blanco Amor cando este disertaba en castelán; aínda que cun certo ton de culpa, engadía, non nos decatabamos de que era un dos nosos.
 
Regresou para defender a República coas armas e cadrou nas milicias anarquistas de Aragón. Ripouse da morte como puido. Sobreviviu cun traballo aquí e outro  acolá mentres colaboraba cos de Galaxia mercando libros e prestándollos a quen coidase que lle podían interesar. Cando, a mediados dos setenta, aparecemos os mozos xuntouse a nós e foi un máis no anuncio da vontade nacionalista, de esquerda e democrática. Arredista, anarquista, culturalista, nacionalista, sempre na defensa dun ideario que se propoñía favorecer os de abaixo, substituír a explotación pola cooperación, o privilexio pola xustiza social e a opresión pola participación. A iso chamáballe “socialismo”. Así o fixo ata que faleceu dando un paseo polo centro da vila.
 
Daquela, a min, mozo efervescente e un chisco althuseriano, aquelas palabras soábanme brandas, con pouco rigor… mesmo burguesas. Enrabiábase cando falabamos mal dos socialistas, aínda que fosen felipistas, ou nos metiamos co anarquismo, polo que non disimulaba a súa querenza. E por riba de todo cabreáballe o noso pretensioso rigor de comunistas  librescos.
 
Ás veces os nosos debates collían polos vieiros aceirados do carácter da revolución (si proletaria ou democrático-popular; si nacional-popular ou democrática sen adxectivos). Como pode entender o lector ou lectora avisado xa daquela andabamos derredor de nós mesmos na procura do suxeito perdido. Nesa altura, o meu vello mestre procuraba virar a conversa cara aos viños de Cabanelas, o castro de acolá ou o nome de tal lugar. Ás veces conseguíao, o debate era aburrido e incomprensible para case que todos. Outras non. Daquela erguíase, sacaba do peto un gorro frixio, tapaba a calva prominente e dicía: Liberté, egalité, fraternité. Engadía: os socialistas mornos, como os liberais, colleron a primeira palabra como se puidese existir a liberdade entre os que son desiguais; os comunistas gaban a segunda como se fose posible convivir co despotismo; só os anarquistas teñen en consideración o triángulo pero a súa proposta de abolir o Estado devólvenos ás sociedades primitivas.
 
Gustaríame dicirlle canta razón tiña. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Méixome Quinteiro Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.