O Poncio de Baralla

Dende mozo gustei de coñecer os lugares polos libros. Non sei ben se nalgunha ocasión pasei por Baralla, pero cando estes días escoitei, ou lin, o seu nome nos medios de comunicación, o primeiro que veu ao meu maxín non foron as lucenses terras orientais senón a fantástica vila que imaxinou don Gonzalo Torrente Ballester e bautizou como Castroforte de Baralla.

Por Carlos Méixome | Vigo | 25/08/2013

Comparte esta noticia
A vila xurdida do torrente narrador e irónico de don Gonzalo ímola coñecer, ao longo das case seiscentas páxinas de La saga-fuga de JB, por medio de varios JB (non confundir co escocés) nomeadamente a través de José Bastida, un ex seminarista, encarcerado tras a guerra, mestre depurado, que gaña a vida como profesor de gramática ao tempo que non pode deixar de considerarse a si mesmo como un simple desgraciado mentres escribe poemas nun idioma que só el entende, unha especie de trampitán de Juan de la Cova , inventor, entre outras moitas cousas, do Pirándargallo, un aparello que lle servía para andar por todo o mundo sen moverse de Ourense. Postas así as cousas non nos debe estrañar a resolución  emitida polo censor franquista sobre a novela: “De todos los disparates que el lector que suscribe ha leído en este mundo, éste es el peor”; así que o funcionario conclúe: “Este libro no merece ni la denegación ni la aprobación”
 
Entre as moitas cousas extraordinarias que acontecían en Castroforte de Baralla estaba a de que, en certas ocasións, a vila podía desprenderse da terra e levitar, ademais de ser a capital da quinta provincia galega que o aparello burocrático do estado fixo desaparecer de mapas, rexistros, e libros de texto tal e como lle aconteceu, e mesmo segue a acontecer, aos mortos do franquismo, que segundo un individuo apelidado González Capón, que seica é Poncio de Baralla e deputado provincial, “merecíano”.
 
Brutada semellante só é comprensible, en primeiro lugar, pola natureza do animal e, en segundo, por quen non o couta, isto é, unha sociedade que non foi quen, case oitenta anos despois, de converter en historia a sublevación militar-fascista e o horror que desencadeou; unha sociedade que segue a ter a besta remoendo no seu ventre; unha sociedade que pactou unha democracia vixiada polos facciosos que lle permitiu reproducir as súas elites económicas, xudiciais, culturais, relixiosas, políticas… 
 
O exabrupto do Poncio de Baralla é un “lapsus linguae” freudiano. Non é que non quixese dicir o que dixo, é que pensa o que dixo, que “o merecían”, ou como se escoitaba cando un era mozo “algo farían”. 
 
Mais ollemos o envés da folla. Teño escoitado en moitas ocasións a familiares, amizades ou veciñanza de persoas asasinadas a xustificación “non fixeran nada, que ían facer… se eran uns pobres”. Pero si que fixeran. Eran libertarios, socialistas, agraristas, galeguistas, sindicalistas, demócratas, republicanos… eran a conciencia lúcida das clases traballadoras, da pequena e mediana burguesía progresista, das minorías cultas… Por iso procuraron o seu exterminio.
Grazas ao Poncio de Baralla por facerme subir ao escano e baixar do andel as follas amarelecidas que rematan dicindo:  “Castroforte parecía una nube lejana, donde quizás el Rey Artús empezase a proponer al pueblo la proclamación inmediata, definitiva, del Cantón Independiente, hasta que en el Reloj del Universo sonara la hora del regreso”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Carlos Méixome Quinteiro Licenciado en Filosofía e C. da Educación. Profesor de Xeografía e Historia no Ensino Secundario. Activista cultural e militante nacionalista dende moi novo. Ten publicado diversos traballos sobre Historia Contemporánea e, en colaboración, sobre Cuba, Rusia e Iugoslavia. Nos últimos anos ten publicado multitude de artigos sobre a represión franquista no sur de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor.