Feijóo, sobre a inmunización da número 1 de DomusVi: "en Valencia vacináronse 3 alcaldes do PSOE"

O Presidente rexeita "leccións" do PSdG e alude a casos de vacinacións irregulares noutros puntos do Estado. "Dimitiu alguén?", inquiriu.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2021 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

A sesión de control no Parlamento galego deste mércores 10 veu cargada de intercambios dialécticos pola vacinación da conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, por parte da Xunta. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou a Feijóo a facer un "exercicio de transparencia" sobre o proceso de vacinación en Galicia para que non se produzan situacións "sen ética nin estética" como a que, na súa opinión, supón a inmunización da conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández.

Deste xeito, aínda que mostrou o apoio do PSdeG ás medidas para atallar os contagios, deixou claro que a súa formación "non pode ser cómplice" cos "erros na vacinación". "Necesitamos unha xestión transparente e eficiente, preocúpannos as irregularidades que está a haber", afirmou antes de lembrar que na súa anterior comparecencia na Cámara Feijóo dixo que "ningún alcalde do PP se vacinara" pero que, "24 horas despois", transcendeu a inmunización da alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde as preguntas dos grupos no Pleno da Cámara. Pazo do Hórreo, Santiago de Compostela. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde as preguntas dos grupos no Pleno da Cámara. Pazo do Hórreo, Santiago de Compostela. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

BALEARES E VALENCIA

Feijóo rexeitou "leccións de vacinas" por partes do PSOE e preguntoulle a Gonzalo Caballero pola razón pola que foron vacinados "o subdirector de Coidados Asistenciais, da directora insular da Terceira Idade e da subdirectora de Atención á Cronicidad dun goberno do PSOE" --en referencia ao balear--.

"Dimitiu alguén?", cuestionou o máximo mandatario autonómico, que subliñou que se trata de altos cargos dunha consellería, que se suman a "tres alcaldes do PSOE" vacinados en Valencia sen que ninguén dimitise. "Ante un único caso que se deu en Galicia, convidamos a dimitir, e o que fixo --a alcaldesa de Boimorto-- foi darse de baixa do partido", manifestou.

Tras iso, sostivo que o que non vai facer o seu partido é "aceptar a alcaldes que teñen embargadas as súas nóminas, que conducen coches a nome de persoas falecidas sen pasar a ITV e nin sequera hai ningún tipo de xustificación por parte do secretario xeral do PSdeG", en referencia á multa da Garda Civil ao rexedor de Verín, o socialista Gerardo Seoane.

"Leccións de ética e de moralidade, señor Caballero, por parte do PSOE deberías ser un pouco prudentes", afirmou Feijóo, que puxo en valor o proceso de vacinación en Galicia e asegurou que o Sergas podería inmunizar a toda a poboación galega en "seis semanas" se dispuxese das doses necesarias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta