Galicia, a autonomía con máis mortes por picadas de vespas e abellas; a velutina, no punto de mira

O 35,89 % dos falecementos en España por contacto con himenópteros produciuse en territorio galego, segundo un estudo de Xesús Feás, quen advirte do aumento de casos fatais desde a chegada da vespa asiática.

Por Alberto Quian | Madrid | 10/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia é a comunidade autónoma con máis mortos por picadas de vespas ou abellas. Entre os anos 1999 e 2018, rexistráronse no territorio galego 28 falecementos por esta causa, cifra que representa o 35,89 % do total en España (78 vítimas oficiais). Son 11 finados máis que en Andalucía, segunda autonomía con máis casos fatais (21,7 %). A especie que máis preocupa é a vespa velutina, unha invasora que xa se asentou en Galicia, causando estragos medioambientais e económicos, pero tamén mortes. Sobre a vespa asiática volve poñer o foco o investigador Xesús Feás.

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.

O membro da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia vén de presentar e analizar os datos de mortes resultantes do contacto vespas e abellas en España, tanto a nivel estatal como autonómico, durante un período de 20 anos. O que atopou foi un total de 78 vítimas mortais documentadas, o que se traduce nunha media de 3,9 mortes ao ano, alcanzando un máximo de nove falecidos en 2018 e valores mínimos dunha morte en 2007 e 2008.

Galicia sumou 28 casos fatais (35,8 % do total en España) entre 1999 e 2018, seguida por Andalucía con 17 vítimas (21,7% ) e Castela e León con 10 (12,8 %).

As taxas de mortalidade anuais variaron de 0,02 a 0,19 por millón de habitantes, “situando a España en niveis baixos en comparación con outros países”, afirma.

Sobre o perfil das vítimas, atopou que na súa maioría foron varóns (85,9 % do total de finados), e principalmente maiores de 65 anos (52,6 %).

Aínda que o papel do xénero na mortalidade por estas picadas “é descoñecido”, Feás suxire que a maior incidencia nos homes “probablemente poida resultar de diferenzas tanto na ocupación como no grao de exposición” dos varóns, nos que se atopou, ademais, que “a mastocitose, un factor de risco de alerxia ao veleno, prevalece máis nos homes que nas mulleres”.

Todo semella indicar que “o xénero é un dos factores de risco na reacción ás picaduras mortais, estando os homes tres veces máis en risco que as mulleres”, como apuntan outros científicos citados por Feás.

Outro dato relevante é que a metade das mortes concentráronse nos meses de xullo e agosto. E destaca tamén o feito de que eses contactos fatais cos insectos se produciron na súa maioría en “lugares non especificados” (67,9 %).

A nivel autonómico, Galicia é a comunidade con máis mortes por avespas e abellas, con 28 casos fatais (35,8 %), seguida por Andalucía con 17 vítimas (21,7% ) e Castela e León con 10 (12,8 %).

“Unha desagregación máis detallada e específica da distribución das mortes por insectos picantes por ano e entre comunidades revela algúns descubrimentos sorprendentes”, salienta Feás. Refírese ás altas taxas de mortalidade atopadas en Galicia nos últimos anos. En concreto, 1,82 mortos por millón de habitantes no ano 2014, 1,10 en 2016 e 2,22 en 2018. Cifras que superan amplamente a media estatal de 0,19 mortos por millón de habitantes nas últimas dúas décadas.

Asturias tamén presenta valores altos, con 1,88 e 0,97 mortes por millón de persoas en 2014 e 2017, respectivamente.

“Que eu saiba, son valores nunca atopados na literatura dispoñible”, alerta Feás sobre os datos galegos e asturianos.

“Nos últimos anos produciuse unha taxa moi alta de vítimas mortais por picaduras de insectos en residentes en Galicia e Asturias"

Os datos aínda son máis “sorprendentes” cando se observa que as comunidades autónomas con maior censo de colmeas en España –Estremadura, Andalucía, Castela e León e Valencia– presentan un descenso de mortes por picadas nos últimos dez anos do período estudado (2009-2018).

“Nos últimos anos produciuse unha taxa moi alta de vítimas mortais por picaduras de insectos en residentes en Galicia e Asturias (2014, 2016, 2017 e 2018). En comparación coa primeira década do período de estudo analizado, a segunda (2009-2018) rexistrou unha redución no número de casos mortais relacionados coa picadura en Andalucía, Aragón, Castela e León, Cataluña, Valencia, Estremadura e Madrid; e a tendencia contraria cun aumento de mortes en Asturias, Baleares, Castela-A Mancha, Galicia, Murcia e Pais Vasco”, describe Feás.

Tendo en conta que en Galicia e Asturias “non hai unha alta presenza de colmeas”, Feás considera que é necesario considerar que “a frecuencia das picadas e, polo tanto, das reaccións alérxicas posteriores, depende de factores xeográficos, ambientais e ecolóxicos”.

Na súa argumentación lembra que a vespa velutina detectouse por primeira vez na Península Ibérica en 2010 e a súa propagación por España foi moi rápida, espallándose por Aragón, Asturias, Illas Baleares, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Estremadura, Galicia, País Vasco, Navarra e A Rioxa.

En Galicia, o seu avance foi extraordinario. Como recorda Feás, a velutina foi vista por primeira vez no territorio galego en 2012. Desde entón, a invasión foi imparable: “Detectáronse dous niños en 2012, 17 niños en 2013, 769 niños en 2014, 5.022 niños en 2015 e 10.642 niños en 2016. En 2019, detectáronse e destruíronse arredor de 25.000 niños en Galicia. A extensión da situación reflíctese no número de chamadas recibidas polos servizos de emerxencia 112 Galicia relacionados coa vespa velutina, con 4.607, 13.054 e 25.240 chamadas en 2015, 2016 e 2017, respectivamente. Un total de 42.901 chamadas relacionadas con incidentes da avespa asiática no período de tres anos (2015-2017), o que suxire a Galicia como un punto de exposición extremadamente alta. En Asturias, a velutina detectouse por primeira vez en 2015 e aumentou a súa presenza cun total de 488 niños en 2017, 1.564 niños en 2018 e 5.351 niños en 2019”.

As vítimas concentráronse no verán e a finais da primavera e principios do outono; o 67,9 % das picadas letais rexístráronse en “lugares non especificados”

En relación ao lugar onde se produciron picadas letais, Feás sinala “unha ampla gama de situacións”, entre elas, o 7,6 % no fogar; o 1,2 % na escola, outras institucións e áreas administrativas públicas; un 5,1 % en rúas e autoestradas; o 8,9 % en granxas, e o 8,9 % noutros lugares especificados. Porén, o 67,9 % das picaduras mortais rexístranse en “lugares non especificados”. Esta carencia de información precisa, advirte, supón un probema, xa que “limita o desenvolvemento de iniciativas de prevención”.

Por grupos de idade, o que máis mortes concentra por picadas de vespas e abellas son os maiores de 65 anos (52,6 % dos falecementos), seguidos polo grupo de idade entre 25 e 64 anos (47,4 %), mentres que non se rexistraron falecementos en menores de 25 anos.

Por épocas do ano, o mes de xullo mostra a porcentaxe máis alta de mortes causadas por himenópteros, co 32 % do total, seguido de agosto, outubro e setembro, cun 17,9, 14,1 e 10,2 % do total de mortes, respectivamente. Destaca tamén que entre 1999 e 2018 non houbo falecidos nos meses de xaneiro e marzo.

En xeral, as vítimas mortais por picadas concentráronse no verán e a finais da primavera e principios do outono. Isto poderíase explicar polo feito de que as colonias destes insectos “adoitan ter o seu tamaño máximo a finais do verán e/ou outono”, aporta Feás, quen clarifica: “Nestas especies, non hai vida colonial no inverno. As raíñas vellas, as traballadoras e os machos morren no outono ou no inverno e só sobreviven as raíñas recentemente apareadas. As novas raíñas hibernan e comezan novos niños e colonias a próxima primavera. No inverno, as colmeas presentan poucos ou ningún síntoma de actividade. No seu interior hai uns miles de traballadores que forman un cúmulo coa abella raíña. Como resultado desta maior actividade tanto en insectos como en humanos que realizan actividades ao aire libre, a posibilidade de entrar en contacto cun insecto urticante faise moito maior a finais do verán”.

IMPACTO DA VESPA VELUTINA

Aínda que non é doado atribuír á vespa velutina estes aumentos na mortalidade en Galicia e Asturias, o investigador apunta á expansión nos últimos anos deste insecto invasor como razón plausible. Con todo, recoñece limitacións na análise dos datos obtidos, xa que os certificados de defuncións non identifican se a causa da morte foi por contacto con avespóns ou con abellas.

Con todo, apunta ás “diferentes novas aparecidas nos medios de comunicación” nos últimos tempos sobre incidentes relacionados cos insectos que “aportan detalles precisos sobre as mortes”.

“Entre 2014 e 2018, recopilei oito vítimas mortais ocorridas en Galicia que apareceron nos medios de comunicación e onde sempre estaban involucradas vespas, mostrando probas suficientes na maioría dos casos para sinalar a velutina como o insecto causante da morte”, argúe Feás, que tamén sinala outros “tres falecidos en Galicia e un en Asturias” en 2020 dos que informaron os medios.

“Actualmente hai un aumento no número e na gravidade das reaccións en pacientes expostos a veleno de insectos, principalmente debido á especie exótica invasora vespa velutina"

Feás alude á “preocupación entre os alergólogos na costa cantábrica e en Galicia” que xerou a presenza da vespa asiática. “Actualmente hai un aumento no número e na gravidade das reaccións en pacientes expostos a veleno de insectos, principalmente debido á especie exótica invasora vespa velutina. A introdución desta nova especie repercutiu no número de picaduras de himenópteros observadas nas unidades de toxicoloxía clínica”, expón.

De feito, indica que o 77 % dos pacientes que sufriron reaccións alérxicas sistémicas foron picados pola velutina.

“Debido aos seus hábitos, abundancia e distribución máis ampla, o risco que supón a vespa velutina para a saúde humana é inigualable por outras especies autóctonas”, afirma Feás.

O investigador galego non desbota, ademais, que haxa “un número relevante de mortes non identificadas relacionadas coa alerxia ao veleno, xa que moitas reaccións mortais tras as picaduras de insectos probablemente permanecen mal interpretadas e non detectadas”.

“Pódese estar subestimando a verdadeira prevalencia de mortalidade inducida polo contacto con vespas e abellas”, conclúe.

Xesús Feás salienta a relevancia do seu estudo revelando os comentarios dun dos revisores do seu traballo, publicado na revista científica Biology. Nestes, entre outras consideracións, dise: “O manuscrito é de relevancia, xa que os estudos recentes que cobren a morte por alerxia a picadura de himenópteros son raros e de importancia para as autoridades sanitarias oficiais, así como para a visibilidade entre os especialistas e médicos que non están familiarizados con este tema. O punto forte do estudo é que subliña a importancia alergolóxica de especies invasoras de himenópteros como a vespa velutina”.

COMO CHEGOU A VELUTINA A GALICIA?

A comunidade científica sitúa en Francia, no ano 2004, o primeiro rexistro de velutina en Europa. Desde entón, o insecto invasor expandiuse polo territorio galo e cruzou a outros países. En 2010 chegou a España e en 2011, a Portugal. Un ano despois, rexistrábase o primeiro exemplar en Galicia e tamén en Liguria, Italia.

Un estudo científico realizado no Instituto Politécnico de Bragança (Portugal) suxire que a propagación da vespa velutina nigrithorax desde Francia aos países da contorna aconteceu de dúas maneiras diferentes. Mentres que a avespa asiática penetrou en Italia e no norte de España (a través do País Vasco) por dispersión natural local, o proceso invasivo en Portugal comezou con raíñas fundadoras que ingresaron a través dun salto mediado por humanos (os informes apuntan ao transporte terrestre de madeira), como aconteceu recentemente no Reino Unido.

Por esas vías, foi avanzando de leste a oeste desde País Vasco e Navarra, até alcanzar o norte galego, mentres que a poboación de fundadoras introducida en 2011 en Minho (Portugal) se expandiu rapidamente cara ao norte, adentrándose en Galicia, e cara ao sur do país veciño, e actualmente está distribuída ao longo da maior parte da costa atlántica ibérica.

CAMPAÑA DE RECADACIÓN DE FONDOS

Xesús Feás ten activa desde o 12 de decembro unha campaña en liña de recadación de fondos, na plataforma Gofundme, para estudar se a picadura da vespa velutina é igual ou máis perigosa que a doutras vespas e abellas. Calcula en 5.000 euros o custo global do estudo que está a levar a cabo.

O investigador lamenta que hai dous anos quedou sen financiamento para o seu proxecto. Por iso pide axuda económica para “continuar” coas súas investigacións, coas que tenta paliar a “falta xeral de datos sobre os riscos para a saúde das picadas da vespa velutina”, di.

Feás acompaña a súa solicitude con este vídeo dunha reportaxe emitida o 9 de novembro de 2018, titulada ‘El silencio de las abejas’, do programa Equipo de Investigación de LaSexta, no que aparece o investigador galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta