A ocupación en UCI de pacientes con covid-19 sitúase nun 40% e o Sergas prevé unha "presión alta" varios días

Pide aos profesionais sanitarios un "esforzo importante" para "manter coidados de calidade".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/02/2021 | Actualizada ás 15:35

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) sitúa nun 40 por cento a ocupación das UCI en Galicia por pacientes con Covid-19 --con 240 hospitalizados este mércores en críticos-- e estima que siga a "presión alta" hospitalaria varios días. Así o manifestou o xerente do Sergas, José Flores, que indicou que a ocupación de pacientes en planta ascende ao 69%, do que o 13% corresponde a patoloxía covid, e nas unidades de críticos é do 67%, do que un 40% son persoas con coronavirus.

Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa
Persoal sanitario atende un paciente de Covid-19 na UCI do hospital Povisa | Fonte: Miguel Riopa - Remitida por Povisa.

Flores explicou que aínda que os datos de incidencia acumulada en Galicia "son mellores" que a semana pasada porque as "medidas están dado froito", nos hospitais van continuar " con presión alta e carga importante".

Por iso, comentou que esta alta ocupación hospitalaria pola Covid-19 require por parte dos profesionais un "esforzo importante" para "manter coidados de calidade".

Sobre os datos en Atención Primaria resaltou que se reduciron en "case 6.000" os pacientes que atenden en domicilios por esta patoloxía. Actualmente nas súas casas con cadros leves ou asintomáticos atópanse 16.417 pacientes con Covid-19 atendidos por este nivel asistencial, que tamén realiza cribados de antíxenos nalgúns casos.

En canto ao 061, o xerente do Sergas resaltou que descenderon as chamadas e puntualizou que do total --unhas 3.000 de media-- o 22 por cento débense a "motivos Covid".

Sobre as urxencias hospitalarias comentou que en todas as áreas a ocupación é "boa" con nivel basal --básico-- en Vigo e Lugo; nivel 1 en Santiago, Ferrol, Ourense e Pontevedra; e nivel 2 na Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta