O tren de borrascas deixa once ríos a punto de rebordar en Galicia

O 112 activou xa o Plan especial de risco de inundación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2021 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

Os ríos en alerta por posibles desbordamentos alcanzaron os 11 tras encadearse varias borrascas en Galicia que deixaron fortes choivas nos últimos días.

Segundo detallou o 112 Galicia, a Xunta mantén activo o Plan especial de risco por inundación ante a subida do caudal do río Landro, en Viveiro (Lugo); o Mera, en Ortigueira (A Coruña); o Ouro, ao seu paso por Foz (Lugo); o Xubia, na localidade de San Sadurniño (A Coruña); o Mendo, en Betanzos (A Coruña); e o Mero e o Telva, en Cambre (A Coruña).

Tamén se prevé que poidan producirse crecidas no río Xallas ao seu paso por Santa Comba (A Coruña) e no Tambre, en Oroso e Val do Dubra (A Coruña), así como no Dubra neste último municipio. Adicionalmente, poderían rexistrarse avenidas nos ríos Furelos e Miñor, en Santiso (A Coruña) e Gondomar (Pontevedra).

Segundo a información recibida a través dos sistemas de control e seguimento, estes ríos superaron os limiares establecidos tras presentar un crecemento significativo dos seus caudais, polo que poderían observarse crecidas puntuais nos mesmos.

Ademais, o 112 Galicia foi informado da situación dos cursos fluviais do río Maior en Bergondo (A Coruña), o Sar en Rois (A Coruña), o Cádavo en Fene (A Coruña) e o Valga no concello coruñés homónimo.

Así mesmo, agrupacións de Protección Civil puxeron en marcha distintos operativos para comprobar a situación e revisar as zonas máis afectadas polas crecidas. Así as cousas, o centro de atención ás emerxencias chamou á cidadanía a incrementar a precaución en especial en estradas e vías secundarias próximas a pontes ou torrentes dadas as dificultades que pode causar na circulación a subida repentina dos caudais.

Varias persoas camiñan pola zona da praia da Antena alagada polo río Miño, en Ourense, Galicia (España), a 11 de febreiro de 2021. Rosa Veiga - Europa Press
Varias persoas camiñan pola zona da praia da Antena alagada polo río Miño, en Ourense, Galicia (España), a 11 de febreiro de 2021. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta