As vodas e comuñóns continúan a pesar da Covid-19, aínda que sexan por streaming

#PonteLovers e La Boda de Nerea promoven un Showroom de Vodas e Comuñóns que será emitido en streaming dende a Finca Batacos.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A Concellería de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra volve impulsar unha nova pasarela -tras o éxito acadado o pasado mes de decembro coa emisión online de PonteModa Nadal- que se celebrará a fin de semana do 20 ao 21 de marzo e que será retransmitido en streaming dende o escenario da Finca Batacos (na parroquia de Salcedo).

Emisión online de PonteModa Nadal
Emisión online de PonteModa Nadal | Fonte: PSOE Pontevedra

O evento, baixo o nome de 'Showroom de Vodas e Comuñóns', contará coa colaboración da plataforma #PonteLovers e a firma especializada en eventos e grandes celebracións La Boda de Nerea. Impulsado pola concelleira Yoya Blanco, será conducido en directo pola presentadora, actriz e cantante Eva Iglesias, quen entrevistará a cada un dos responsables dos comercios locais que participen desta iniciativa.

 

"Para darlle aínda máis glamour a esta pasarela de moda online, teremos a sorte de contar na Finca Batacos coa presenza do chef Iñaki Bretal, cociñeiro do Eirado da Leña, primeiro Estrella Michelin de Pontevedra, que tamén protagonizará unha entrevista especial acompañado por unha servidora”, avanza a concelleira.

 

DESFILES

 

Con respecto ás actividades que se desenvolverán, Yoya Blanco, explica que "ademais dunha pequena exposición dos artigos e servizos dos establecementos implicados na iniciativa, o showroom ofrecerá desfiles de comuñón, noiva, lencería, tocados ou ramos de noiva nos que os comercios poderán poñer en acción o seu traballo". 

 

Outra das novidades do evento será unha sección denominada ‘Cámbiame’, que permitirá seleccionar a un par de mulleres de a pé para sometelas a un cambio de imaxe. Tal e como sinala Yoya Blanco, "nesta parte da programación tamén se lle dará un importante protagonismo ás tendas locais, posto que serán elas as que colaboren cos seus produtos, dándolle deste xeito unha publicidade engadida ao comercio de Pontevedra".

 

COMERCIOS COLABORADORES

 

Ata o momento xa confirmaron a súa participación no Showroom de Vodas e Comuñóns de #PonteLovers e La Boda de Nerea unha vintena de firmas. Non obstante, a concelleira de Promoción Económica constata que "esta lista inicial irase ampliando sen dúbida nos vindeiros días, xa que hai moitos outros establecementos comerciais que amosaron o seu interese e que faltan aínda por confirmar".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta