Feijóo abandeira os críticos dentro do PP ante o sorpasso de Vox en Cataluña

Duras críticas do presidente galego ao líder do seu partido tras abandonar a sede de Génova: "Non parece razoable abandonar cando se teñen problemas".

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 19/02/2021 | Actualizada ás 10:24

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estase convertendo nun dos principais críticos da estratexia de Pablo Casado, especialmente, tras o sorpasso de Vox aos populares en Cataluña e ante unhas enquisas que apuntan que o PP pode aínda perder moita máis forza en favor da ultradereita.

Alberto Nüñez Feijóo / Xunta de Galicia. / Europa Press
Alberto Nüñez Feijóo / Xunta de Galicia. / Europa Press

Por iso, este xoves criticou abertamente ao líder do seu partido e dixo que "non parece razoable" abandonar a sede "dunha empresa, organización ou partido político" cando se "teñen problemas con algunhas persoas ou dirixentes", en referencia á decisión de Casado de deixar Génova 13 para romper co pasado e a corrupción.

En declaracións a RTVE, recollidas por Europa Press, o presidente galego lembrou que é "unha decisión do equipo nacional" do PP da que "non estaba moi informado". "É un asunto interno e debátese internamente. A opinión dareina dentro do partido", afirmou Feijóo ao tempo que xa a facía pública aos medios, algo que non soe ser normal nel cando hai problemas dentro do seu partido.

COMPARACIÓN CON PSOE E PODEMOS

Neste sentido, lembrou que o PSOE non abandonou Ferraz polo financiamento ilegal de Filesa nin Podemos fixo o propio tras a imputación de varios dirixentes. Así, recalcou que "se cada vez que unha empresa, organización ou un partido teñen problemas con algunhas persoas ou dirixentes e teñen que ir do lugar, igual non quedaba ningunha sede".

"Non parece razoable", indicou Feijóo, á vez que recoñeceu que o actual equipo do PP "ten dereito a tomar decisións", pero que tamén haberá "outras cuestións" para deixar Génova independentemente de que se queira romper co pasado do partido, entre as que apuntou que "unha das razóns" para buscar unha nova sede pode ser "a situación económica" da formación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta