Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/02/2021 | Actualizada ás 14:06
O deputado de Unidas Podemos Antón Gómez Reino presentou unha iniciativa no Congreso na que denuncia "presuntas irregularidades" cometidas por parte da Xunta de Galicia coa aprobación do proxecto de drenaxe temporal da mina de Touro.
Gómez Reino asegura que a "autorización da drenaxe temporal podería supor o traslado de augas contaminadas desde unha zona moi deteriorada a outra xa afectada por filtracións", cuestión que, na súa opinión, "lonxe de resolver o gran problema de contaminación existente na zona, podería amplificarlo".
A iniciativa presentada no Congreso e asinada tamén polo deputado e portavoz de Medio Ambiente da formación, Juantxo López de Uralde, sinala que o proxecto conta con alegacións por parte de diversas organizacións sociais, que denuncian que o procedemento de actualización de explotación San Rafael en Touro e O Pino non ten avaliación de impacto ambiental favorable, polo que non existe plan de restauración ambiental que se englobe nese proxecto de drenaxe.
A iso, conforme sinalou Gómez Reino, súmase que a empresa tiña un prazo de tres meses a partir das obras de bombeo para presentar o proxecto definitivo de tratamento de augas interiores e que o servizo de Enerxía e Minas xa dera ese mesmo prazo en 2018 para dar conta do proxecto definitivo.
"Estes requirimentos", sinalou o deputado pola Coruña, "foron ignorados de forma reiterada por Explotaciones Gallegas S.L., polo que, a falta de presentación do proxecto definitivo, existen dúbidas razoables que desaconsellarían aprobar calquera tipo de proxecto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.