Sanidade privada en Galicia, doce anos de expansión con Feijóo

A sanidade privada desembarcou en Galicia para quedar e ademais fíxoo con forza. A administración Feijóo abriu as portas a unha serie de modelos de xestión que absorben unha cantidade importante de diñeiro e recursos públicos. A pesar do fracaso dalgúns destes modelos, a Xunta teima coa súa política de concertación público-privada e, alén diso, rebaixar a calidade da pública segundo os profesionais da mesma.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 28/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O día 8 de febreiro sóubose que a reforma do hospital Montecelo de Pontevedra sería executada por unha UTE de tres empresas. Prezo da adxudicación, 121,87 millóns de euros. Desde sectores sindicais da sanidade temen que esta actuación acabe cunha externalización de servizos como aparcadoiro ou hostalaría. Ademais diso, non descartan que ao final a Xunta pague un “aluger” á UTE durante un período de tempo “tal e como pasou co Álvaro Cunqueiro de Vigo”. Aínda así, o día 1 de febreiro a alcaldesa da Coruña, Inés Rey e o presidente da Xunta, Núñez Feijóo, anunciaban o “novo CHUAC” para a cidade herculina “100% público”. Un sinal de que algo non vai ben co modelo Feijóo?

Proxecto do hospital Gran Montecelo. XUNTA
Proxecto do hospital Gran Montecelo. XUNTA

ALGÚNS DATOS DA SANIDADE PRIVADA EN GALICIA

Os datos aportados polo Asociación de Hospitales de Galicia (AHOSGAL), asociación de centros privados, dan a enteder que a porcentaxe de centros privados na nosa comunidade estaría ocupando case un cuarto do total de camas hospitalarias. As cifras que deu AHOSGAL a Galicia Confidencial son que na nosa comunidade o total de camas hospitalarias é de 9.779. Desas camas 7.524 son públicas (o 76.84%), as camas privadas suman 2.255 (23,06%).  Dentro de AHOSGAL están rexistrados quince centros, cun total de 1.872 camas (19.14%). Existen outros cinco centros privados que non forman parte da Asociación e que en total dispoñen de 383 camas. 

Un dato curioso dentro deste grupo alleo a AHOSGAL é o Centro Oncolóxico de Galicia, unha fundación privada que conta dentro do seu padroádego con representación da Xunta de Galicia e do Concello da Coruña.

A maioría dos centros de saúde privados son hospitais xerais. Despois existen catro centros dedicados á saúde mental, un pertencente a unha mutua aseguradora e outro especializado en obstetricia. A maioría foron clínicas familiares ou creadas por socios desde os anos 40 en diante. Co paso do tempo, a situación económica ou o abandono por xubilación dos directivos foi a vía de entrada para as corporacións médicas que acabaron comprando estes centros.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña.. XUNTA | Fonte: CONCHI PAZ

As firmas asentadas en Galicia hoxe en día son Vithas, HM Hospitales, Quirón Salud e Ribera Salud. As últimas adquisicións foron a clínica Polusa de Lugo por parte de Ribera Salud e a Clínica da Virxe dos Ollos Grandes, tamén de Lugo, neste caso por Quirón. Só quedarían fóra cinco centros, o Juan Cardona en Ferrol, San Rafael na Coruña, El Carmen en Ourense e COSAGA (Cooperativa Sanitaria Gallega) tamén en Ourense.

Sobre o persoal que traballa dentro da rede de centros privados, os datos que ofrece AHOSGAL son 4.339 persoas empregadas directamente en nómina. Despois existe un cadro de 1.500 profesionais que están en calidade de colaboradores e colaboradoras.

INGRESOS

Sobre os ingresos de centros asociados a AHOSGAL, o total sería de 336 millóns nos hospitais tendo un beneficio de 2.5 millóns en 2019. Por outra parte, tamén apuntan que desde a aparición da pandemia por COVID, a entrada de pacientes diminuiu, segundo din, polo medo da xente aos hospitais durante a pandemia. Aínda así, o concerto SERGAS-Sanidade privada continuou coas súas derivacións. “O diñeiro que dedica o SERGAS aos concertos sanitarios é o 1.1% do seu orzamento”. Sanidade recibiu en 2020 un total de 4.109 millóns de euros, mentres que en 2021 o total para a consellería que dirixe Julio García Comesaña é de 4.587 millóns.

A curiosidade dentro deste apartado é o hospital Ribera Salud de Vigo, antigo Povisa, que suple as funcións que debera asumir un centro do SERGAS. Este centro de saúde cobre a 135.000 e para isto recibiu en 2018, 75 millóns de euros por ano, segundo AHOSGAL. En canto aos demais centros privados, o total que gasta o SERGAS en concertos son 46 millóns de euros tamén en 2018. Sobre o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a Xunta “paga un aluguer a unha UTE” din de UGT Sanidade, de 70 millóns de euros por ano que deixarán de pagarse cando finalice a concesión.

DESDE A SANIDADE PÚBLICA, UNS BREVES APUNTAMENTOS

A maioría das grandes empresas sanitarias chegan ao mercado vendendo que son innovadores e ademais que “veñen de fóra” apuntan desde CCOO Sanidade Privada. Vir de fóra” significaría, segundo CCOO, que “teñen un grande investimento en I+D+i ”. Á parte existe a posibilidade de que “acaben condicionando o futuro da sanidade pública en Galicia ao iren aumentando a súa presenza” remarca CIG Saúde.

Un caso que poñen de exemplo desde a CIG é Ribera Salud cando mercou Povisa en Vigo. “Máis de 130.000 persoas para atender en Vigo, iso condicionará futuras negociacións entre a administración e a empresa”. Tamén sobre este caso, UGT Sanidade recorda que “cando se construíse o Álvaro Cunqueiro, isto cando estaba o bipartito, a poboación podería escoller Povisa ou o novo centro, ademais Povisa non podería aumentar o seu cadro de persoal e ademais non rexistraía novas altas”.

Este último punto quizais apurou os cambios introducidos para o Álvaro Cunqueiro durante os primeiros anos da época Feijóo. “E ademais, Povisa tamén quería ter a Atención Primaria que lle correspondería á poboación que cubría”. Alén diso, as condicións laborais empeoran con respecto á sanidade pública. “En caso de consorcios europeos si entenden o sistema de convenios e organización sindical, se veñen dos EE.UU non entenden nada diso” sinala CCOO.

O temor da maioría dos e das traballadoras da sanidade pública é que esta acabe sendo refén da privada. Así, cren que elementos como investir en I+D+i, formación de persoal, ampliacións de centros hospitalarios e centros de saúde estean condicionados á presenza da sanidade privada segundo que áreas e que especialidades. Mentres tanto, as forzas sindicais e as plataformas en defensa da sanidade pública denuncian a depauperación do sistema público, gratuíto e universal en Galicia.

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta