Traballadores de Ence anuncian mobilizacións se non se garante a actividade da empresa

Advirten de que se non obteñen "unha proposta de negociación sobre a mesa" exporán "outro tipo de accións".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2021 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

O comité de empresa da fábrica de Ence en Lourizán pediu este mércores a creación dunha mesa de diálogo integrada entre a Xunta, o Goberno central, a empresa, o persoal e "todo aquel que teña capacidade de decisión" para garantir a continuidade dos seus postos de traballo ante a "situación de incerteza" na que se atopa a planta de Pontevedra.

Segundo manifestou o comité, "sobre mil traballadores entran todos os días na fábrica de Pontevedra", dos que 270 son empregos directos. Despois dunha rolda de contactos cos dous vicepresidentes da Xunta, Alfonso Rueda e Francisco Conde, así como cos responsables de distintos grupos políticos, o comité de empresa de fábrica (integrado por CIG, UGT, CC.OO. e un delegado dun sindicato independente) compareceu este mércores en rolda de prensa.

O presidente do comité de fábrica, Antonio Lafuente, explicou que os traballadores están preocupados ante a tramitación no Congreso da Lei para o cambio climático e a transición ecolóxica que no seu artigo 18 "limita" a 75 anos, tendo en conta as prórrogas, a duración das concesións da zona de dominio público marítimo-terrestre que establece a Lei de Costas.

Representantes socialistas aseguráronlles que a lei non afectaría á concesión de Ence ao non ter efecto retroactivo, pero "a empresa e a Xunta din o contrario", sinalaron por parte do comité, o que suporía que a fábrica de celulosa na ría de Pontevedra teña que pechar no ano 2033.

Pero a "ameaza" máis importante, segundo recoñeceron, é o recurso ante a Audiencia Nacional contra a prórroga por 75 anos da concesión concedida o 20 de xaneiro de 2016 polo goberno en funcións do popular Mariano Rajoy. Un proceso xudicial que pode prolongarse durante anos ao anunciar as distintas partes implicadas recursos que alcanzarían as máis altas instancias xudiciais europeas.

Ence na ría de Pontevedra. ENCE - Arquivo
Ence na ría de Pontevedra. ENCE - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta