A revolución exipcia

A primavera ou revolución Exipcia que comezou o 25 de xaneiro do 2011, contra o ex- dictador Hosni Mubarak, lonxe de diminuír a súa forza revolucionaria mobilizou durante todo este tempo a millóns de persoas.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 20/08/2013

Comparte esta noticia
As protestas obreiras e as folgas tamén se intensificaron. As fraudulentas eleccións -co visto bo do exército- déronlle o triunfo electoral a Mohamed Morsi dos Irmáns Musulmáns. Salah Adli, Secretario Xeral do Partido Comunista de Exipto en declaracións recentes sinalou en relación ao líder musulmán Morsi: «As masas descubriron a súa natureza autoritaria, o seu carácter fascista, a súa preferencia polos intereses dos sectores máis reaccionarios e parasitarios do capitalismo, e a súa incapacidade para dirixir un estado da envergadura de Exipto. Máis aínda, a súa traizón aos intereses da patria e a súa vontade de actuar como o principal axente para manter os intereses de Estados Unidos e Israel na rexión foron revelados. Lograron a confianza cara a Gaza e deron a Estados Unidos e Israel o que o cliente Mubarak non lles deu. O seu proxecto sectario e escurantista que é hostil á democracia, á ciencia, a cultura e a tolerancia, fíxose moi evidente. Máis importante aínda, as masas descubriron a mentira do seu uso de consignas relixiosas para disfrazar os seus plans ao servizo do proxecto do Gran Medio Oriente e do "caos creativo"».
 
O goberno de Morsi e as súas políticas neoliberais trouxo como consecuencia o aumento do número de protestas sociais (folgas, ocupacións, manifestacións e piquetes de folgas) que alcanzou a cifra de 7.400 -segundo admite o propio Mohamed Morsi- durante o ano pasado. A taxa de desemprego alcanzou o 32%, co record de desempregados nas cualificacións altas e medias. A débeda externa pasou de 34 billóns US$ a 45 billóns US$. A débeda interna incrementouse en 365 mil millóns de Libras Exipcias durante o reinado de Morsi o ano pasado. A proporción de persoas que viven por baixo do limiar da pobreza aumentou a máis do 50% da poboación. En resumo, a maioría das clases e dos diversos sectores da cidadanía que conforman o corpo social e as súas forzas políticas liberais, nacionalistas e de esquerda, así como os movementos da mocidade, na súa maioría orientados cara ao nacionalismo e a esquerda, ademais das principais institucións do Estado, especialmente o exército, o poder xudicial, os medios de comunicación e a policía,  sentían como un grave perigo o mantemento no poder dos Irmáns Musulmáns por mor da súa intensa procura da monopolización do poder e a exclusión de calquera que non estivese con eles, salvo os seus aliados entre os grupos terroristas que manipulan a relixión como unha cuberta.
 
Neste proceso o Movemento “Tamarrud” («Rebelión») logrou recoller máis de 22 millóns de sinaturas para a retirada da confianza en Morsi e en apoio da convocatoria a eleccións presidenciais anticipadas. Todos os partidos, os sindicatos e as organizacións han participaron na recolleita de firmas, e a campaña estendeuse nas rúas das cidades, nos centros de traballo, escolas e universidades, e nas aldeas de todas as provincias de Exipto. A gran importancia desta campaña é que foi capaz de implicar activamente os cidadáns Exipcios no movemento revolucionario para derrotar o reino dos Irmáns Musulmáns.
 
O Secretario Xeral do Partido comunista de Exipto Salah Adli, ante a destitución de Morsi sinalou: “A defensa de Morsi polos Estados Unidos e os Estados capitalistas occidentais e a interpretación da cuestión de soamente como un «golpe de Estado militar» contra a  «lexitimidade constitucional» é unha posición formal que esconde o feito de que o mundo do imperialismo está aterrorizada polas revolucións populares e a súa capacidade de transcender os estreitos límites da democracia burguesa que representa, en esencia, o xeito óptimo para satisfacer os intereses dos grandes empresarios e monopolios e os seus axentes locais co afán de controlar o porvir dos pobos e dos países do Terceiro-Mundo”.
 
Mentres a revolución avanza en Exipto, no Estado español Izquierda Unida nunha declaración asinada polo Secretario Federal de Solidariedade Internacional, Paz e Dereitos Humanos, Francisco Pérez Esteban sinala: «IU traslada a súa “enérxica condena e repulsa” pola deriva alcanzada pola “salvaxe represión posta en marcha polo Goberno e o Exército golpistas de Exipto contra a cidadanía”, que desde o pasado mércores en que decidiron desmantelar os campamentos de protesta a favor do anterior Executivo deposto do presidente Morsi ocasionou máis dun milleiro de vítimas mortais civís, segundo distintas fontes internacionais independentes».
 
Unha vez máis Izquierda Unida realizou declaracións no marco internacional que pouco teñen que ver cunha análise marxista. Nas devanditas declaracións mesmo danlle credibilidade a unhas eleccións que foron denunciadas pola maioría das forzas políticas exipcias como fraudulentas. No mencionado comunicado non hai referencia ningunha á acción revolucionaria das masas que foron as que realmente derrotaron a Morsi nas grandes mobilizacións populares.
 
Outra organización, neste caso de tendencia trotskista, como a Corrente Marxista Internacional (CMI) que tamén é parte de Izquierda Unida sinala: «Malia toda a propaganda mentireira que trata de presentar a revolución como un “golpe de Estado”, tratouse dunha verdadeira insurrección popular, que se estendeu como un regueiro de pólvora a través de cada cidade e pobo de Exipto. Esta foi a Segunda Revolución exipcia»
 
O derrocamento de Morsi abriu un período de loita entre a revolución e a contrarrevolución na que o factor decisivo será a capacidade das masas para levar adiante a revolución ata o final.
 
O adianto electoral e a realización dunhas eleccións autenticamente democráticas poderán devolver a Paz a Exipto e conducila polo camiño de liberación nacional e social, como o soñou Gamal Abdel Nasser.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.