Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/02/2021 | Actualizada ás 19:37
A Asociación de Centros de Día de Galicia presentou á Xunta e aos grupos parlamentarios galegos un informe sobre o impacto da pandemia da covid nestes equipamentos, para a súa consideración no plan de reactivación económica e social da comunidade.
En outubro, a plataforma de centros de día converteuse en asociación. E é que, segundo explica, os acontecementos "puxeron de manifesto a necesidade de recorrer ao asociacionismo como única vía para defender os intereses do sector, así como de ter un interlocutor válido que o represente no diálogo e negociacións coas administracións".
"Esta situación está a mostrarnos que somos moito máis eficaces coa implicación, organización e coordinación de todos os axentes implicados", subliña. No informe, expón unha serie de melloras para os centros de día, como que a administración "teña en consideración a experiencia e coñecemento do sector á hora de tomar decisións que lles afecten directamente" e que se recoñeza a estes equipamentos como "servizos esenciais".
Respecto diso, apunta que o servizo de axuda no fogar representa "un recurso máis" pero "en ningún caso substitúe os servizos prestados nos centros de día". A asociación entende tamén que a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria ten un papel "fundamental" na posta en marcha de accións de mellora e coordinación dos centros de día coa atención primaria. Neste sentido, reclama "mecanismos de interacción que permitan elaborar un mapa das necesidades e pór sobre a mesa propostas de como abordalas".
O CUSTO DOS PECHES
Advirte de que os peches dos centros de día, "ademais de supor un custo humano moi elevado, tamén supuxeron un custo excesivo para a Xunta e concellos", que cifra en 8 millóns no servizo de atención no fogar "extraordinario", 11 en bonos 'Coidado familia' e axudas directas para os custos fixos dos centros de día.
"O estado aforraría moito diñeiro se os centros de día non tivesen pechado", conclúe. Por último, apunta que a pandemia "evidenciou a necesidade de coordinación sociosanitaria que facilite a cooperación entre o sistema de saúde e o sistema de servizos sociais".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.