Aumentan os contribuíntes galegos que aportan cartos á Igrexa na renda, pero menos que o resto de autonomías

Case un 25% de galegos apostan pola X da Igrexa con respecto ao pasado ano.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/03/2021 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

A Igrexa católica rexistrou, por cuarto ano consecutivo, unha marca de financiamento a través do IRPF, que ascende aos 301,07 millóns de euros, mentres seguen crecendo os contribuíntes que marcan a casa desta institución e supoñen o 32,15 % das declaracións. E iso, en ano d de crise pola covid.

O Nuncio da súa Santidade o Papa de Roma, durante o acto solemne de apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago.. César Arxina - Europa Press
O Nuncio da súa Santidade o Papa de Roma, durante o acto solemne de apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago.. César Arxina - Europa Press

Segundo informou este martes a Conferencia Episcopal Española (CEE), na última campaña da renda, que corresponde ao exercicio de 2019, aumentaron en 106.000 as declaracións a favor da Igrexa católica. Tamén aumentaron en Galicia, aínda que está á cola nesta contribución, xa que menos do 25% dos contibuíntes apostan por axudar á Igrexa nas súas declaracións.

Un total de 7.297.646 persoas marcaron a X da Igrexa na Declaración da Renda, o que supón, contando as declaracións conxuntas, 8,5 millóns de contribuíntes, o 32,15 % das declaracións. Grazas a isto, a Igrexa recibirá 301,07 millóns de euros, un 5,85 % máis que o ano anterior e a cantidade destinada polos contribuíntes aumenta en 16,6 millóns. Cada contribuínte que marca a X achega de media 35,4 euros á Igrexa.

Os datos ademais son do exercicio de 2019 así que aínda non se nota o impacto na recadación da crise económica derivada da pandemia. A Conferencia Episcopal agradece as achegas que supoñen "máis recursos para seguir realizando unha actividade que redunda en beneficio de toda a sociedade española".

AUMENTO

A cantidade recadada a favor da Igrexa crece en todas as comunidades autónomas e en trece delas, ademais, constátase tamén unha subida do número de contribuíntes que marcan a X desta institución. O número de declaracións aumenta especialmente en Andalucía, Madrid, Castela-A Mancha e Comunidade Valenciana, mentres que o País Vasco rexistra o maior descenso.

As rexións onde maior porcentaxe de persoas decide colaborar coa Igrexa son Castela-A Mancha (45,18 %), A Rioxa (44,77 %), Estremadura (44,03 %), Murcia (43,68 %) e Castela e León (42,3 %). Por contra, Canarias (25,6 %), Galicia (24,7 %) e Cataluña (16,9 %) marcan as taxas máis baixas de asignación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta