Caballero asegura que "cada vez son máis" os alcaldes do PP que piden a dimisión do conselleiro de Medio Rural

"Galicia non pode ser un eucaliptal", advirte o líder do PSdeG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/03/2021 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que "cada vez son máis" os alcaldes, tanto do PSOE como do PP, de pequenos municipios que piden a dimisión do conselleiro de Medio Rural, José González.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reúnese cos alcaldes da Fonsagrada e Castroverde
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reúnese cos alcaldes da Fonsagrada e Castroverde | Fonte: PSdeG.

Así o manifestou ese mércores durante unha visita ao concello lucense da Fonsagrada, onde se reuniu co rexedor desta localidade, Carlos López, e co alcalde de Castro Verde, Xosé María Arias.

Caballero asegurou que na provincia de Lugo mesmo alcaldes do Partido Popular levantaron a voz para denunciar a "ineficacia" das políticas da Xunta en materia de medio rural e para reclamar a Feijóo un cambio á fronte deste departamento.

"Xa hai alcaldes do PP e do PSdeG que piden a dimisión do conselleiro", incidiu o dirixente socialista, que defendeu outra política para os pequenos concellos e unha estratexia de "discriminación positiva" encamiñada a dar "igualdade de oportunidades" a toda a cidadanía, independentemente do lugar no que vivan.

O líder do PSdeG denunciou que existe unha "mala planificación" por parte do Goberno galego e que esta ten efectos "perversos".

"Galicia non pode ser un eucaliptal", subliñou o socialista, que esixiu á Xunta que busque o consenso para ordenar e equilibrar as plantacións. "Non ten sentido que haxa zonas de Galicia masificadas cun 90% de eucaliptos e que noutras estea completamente prohibido", apuntou.

Fronte a isto, o máximo responsable do PSdeG considerou necesario "ordenar" o chan e equilibrar as plantacións por zonas a través dunha planificación que "evite o monocultivo" e estableza rotacións para evitar profundar na degradación do chan.

Así mesmo, avogou por que as plantacións de eucaliptos se acompañen de compensacións para as zonas de frondosas autóctonas, de forma que se poidan equilibrar os beneficios do monte en produción e do monte de protección ambiental.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta