Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/03/2021 | Actualizada ás 12:07
Os contaxios por coronavirus en Galicia aumentan por terceiro día consecutivo até os 191, 18 máis, nunha xornada na que seguen caendo tanto a presión asistencial, en planta e en UCI, até as 448 persoas, 24 menos que o día anterior, como os casos activos, 4.453 (-233).
Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde, até as 18:00 horas do mércores, nas unidades de críticos había 93 persoas (4 menos), mentres que en planta estaban ingresados 355 pacientes, 20 menos que o día anterior.
Os novos contaxios nas últimas vinte e catro horas suman 191 persoas, 18 máis que o día anterior, e aínda que é o terceiro día consecutivo de subida, supoñen un 84 % menos que hai un mes. Desde o inicio da pandemia de covid-19 contaxiáronse do coronavirus en Galicia 113.102 persoas das que 106.409 curáronse; mentres que morreron 2.259 persoas, delas tres comunicadas este luns pola Administración autonómica.
Durante a última xornada realizáronse 7.409 probas PCR, cunha taxa de positividade do 2,1 %, o que supón que en total se fixeron 1.691.999 probas deste tipo e outras 774.875 serolóxicas. Por áreas sanitarias, A Coruña rexistra 1.492 casos activos, 51 menos, tras 63 novos positivos por PCR, un máis; mentres que Vigo suma 758 casos activos (13 menos), tras 35 novos positivos por PCR, dez máis que o día anterior.
Pontevedra tamén continúa co descenso de casos activos, até os 632 (-51), con 18 novos positivos por PCR, 5 máis. As áreas de Lugo con 401 casos activos (-26); Santiago, 459 (-50); e Ferrol, 424 (-35) tamén seguen reducindo os casos activos de modo sostido, mentres que os casos na área de Ourense caen outros 7, até os 277.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.