Miles de mulleres secundan a folga do 8M que ten un seguimento desigual por "abusivos servizos mínimos"

A Xunta fala de menos dun 5% de seguemento. Piquetes desde primeira hora nalgúns polígonos industriais confrontan con ámbitos como sanidade, educación e servizos públicos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/03/2021 | Actualizada ás 12:24

Comparte esta noticia

Miles de traballadoras de todas as actividades económicas secundaron a folga convocada este 8 de marzo con motivo do día internacional das mulleres por CIG e CUT na comunidade galega, e que tivo un desigual seguimento por sectores nun ano marcado pola pandemia da covid.  A secretaria de mulleres da CIG, Margarida Curral, destacou que quedou demostrada "unha vez máis e en condicións moi adversas a inmensa capacidade de mobilización das traballadoras galegas".

A central nacionalista denuncia os "intentos do sistema de utilizar a crise sanitaria como coartada para impedir o dereito á folga" cuns servizos mínimos "totalmente abusivos". Ademais, censura que se rexeitase a posibilidade de que estes servizos mínimos "fosen cubertos por homes", o que "impediu" que miles de compañeiras puidesen estar na rúa, "non só no sector da sanidade, senón tamén no ensino, na radio e a televisión públicas, nos servizos sociais e, en xeral, no conxunto da administración pública".

Margarida Curral agradeceu a participación das traballadoras do comercio de alimentación, do téxtil, de servizos de axuda no fogar, de centros de chamadas, da banca, das universidades, da administración local, de xustiza, de sanidade privada, de Correos, da industria, da confección e da limpeza. Fai ademais mención especial ás compañeiras da asociación de traballadoras no fogar, Xiara, "que están a secundar a folga para que visualice o seu traballo, esencial durante a pandemia".

Piquete da CIG este 8M en Galicia. CIG
Piquete da CIG este 8M en Galicia. CIG | Fonte: Europa Press

SEGUIMENTO DESIGUAL

Este 8 de marzo no que CC.OO. e CIG non convocan paros, o seguimento da folga á que chaman CIG e CUT é escaso en boa parte da administración pública, en ámbitos como sanidade, ensino e servizos de atención, nos que denuncian a "imposición" duns servizos mínimos "que impiden facer folga".


No ámbito privado, a CIG apunta a fábricas como a de Alonarti Vigo, na que "non entrou ningunha muller na quenda da mañá", e a outras industrias da comarca como Pescanova, Borgwarner, Plastic Omnium e Denso, con "un amplo seguimento".

Por outras zonas, de acordo cos datos desta organización, secundan a folga máis do 60% das traballadoras de Treves Pontevedra, mentres que nas plantas de Indipunt e Inditex de Narón, de Leche Celta Pontedeume e en varios centros de chamadas como Abante BPO de Lugo, Extel da Coruña e Unísono de Vigo o seguimento é "importante".

No comercio de alimentación e no téxtil, a incidencia é "menor que en anos anteriores", pero destacan as fontes sindicais que "si que se poden ver tendas pechadas" como a de Stradivarius da Praza de Lugo, a cafeteria Coremain de Compostela e do Eroski do centro comercial das Termas de Lugo, onde "o 90% das traballadoras non cooperativistas están en folga".

En canto ás residencias privadas, tamén apuntan a un seguimento "desigual" con datos como os da de Ferrol, na que o 75% das traballadoras que non están asignadas aos servizos mínimos foron á folga, mentres que nos centros de Laraxe e Narón a porcentaxe redúcese ao 30%.

De acordo coa infomación da CIG, a folga por este 8 de marzo "tamén rexistra un seguimento importante nalgunhas administracións locais". Respecto diso, sinala ao concello de Mugardos, do que lembra que "hai dous anos pretendeuse conculcar o dereito á folga das traballadoras" e "hoxe rexístrase un 80% de seguimento do paro".

"ABUSIVOS SERVIZOS MÍNIMOS"

As primeiras horas da "folga de mulleres" están marcadas, para a CIG, polos "abusivos servizos mínimos" en sectores como sanidade e o de coidados. En calquera caso, piquetes da central percorreron de madrugada o polígono das Gándaras no Porriño, con paradas en Alonarti Envases e no Centro Industrial de Pescanova.

XUNTA

A Xunta sitúa no 4,34% o seguimento da folga convocada con motivo do día internacional da muller no ámbito da administración autonómica e nos seus entes adscritos. Por ámbitos sectoriais, cífrao no 2,42% na educación, no 3,07% na sanidade e nunha porcentaxe superior, do 9,65%, na administración de xustiza.

Mentres,, por delegacións territoriais, o seguimento é do 0,79% en Lugo, do 0,99% en Ourense, do 2,5% na Coruña e do 3,68% en Pontevedra e Vigo, segundo os datos que achega a Consellería de Facenda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta