O CES analizará a dixitalización das empresas ante o impulso das novas tecnoloxías pola pandemia

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2021 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O Consello Económico e Social (CES) prepara un estudo sobre a dixitalización das empresas nun contexto de impulso das novas tecnoloxías experimentado por mor da pandemia da covid-19, coa que conceptos como o teletraballo, os negocios dixitais, a presenza na nube ou os servizos virtuais pasaron a formar parte da realidade económica e social das empresas.

Deste xeito, conforme indicou o CES nun comunicado, analizarán a dixitalización vista como fonte de oportunidade pero tamén con algúns problemas asociados á súa implementación nun contexto no que non só vai marcar o futuro, senón o presente do tecido económico galego.

En concreto, o informe expón facer unha análise a través de diferentes indicadores, as súas consecuencias para o modelo produtivo e o emprego e a cuantificación da fenda dixital. Outra das partes de estudo tentará describir a dixitalización como oportunidade, cos cambios esperados nos distintos sectores produtivos, a necesaria trasformación da Administración e dos servizos públicos e os riscos e oportunidades destes cambios para o emprego.

Na formulación do CES, esta análise deberá tamén fixarse nas políticas públicas para a dixitalización, desde a estratexia europea neste ámbito á aposta estatal ás iniciativas autonómicas, para conseguir un marco de gobernación dialogado desas estratexias transformadoras, no que se teñan presentes as opinións e propostas dos distintos axentes.

O estudo completarase cunha xornada sobre a dixitalización desde a perspectiva do consumidor, na que destacados expertos debaterán sobre a importancia das telecomunicacións e as súas infraestruturas nun contexto de uso masivo das mesmas como consecuencia da pandemia.

Persoa navigando por internet nunha táblet cun ordenador portátil ao fondo
Persoa navigando por internet nunha táblet cun ordenador portátil ao fondo | Fonte: remitida

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta