Por gcdeportes | Vigo | 06/09/2013 | Actualizada ás 01:10
Terceiro ano do Vigo Rugby na división de honra. E un sono: quedar entre os seis primeiros e xogar os play-off polo título por vez primeira. Aínda que os xogadores da casa levan adestrando dende hai un mes, este venres é a presentación ás 12.00 na Universidade de Vigo, xa cos catro reforzos chegados dende o continente australiano.
O proxecto deportivo segue baixo a dirección do catalán David Monreal, artífice do ascenso hai tres tempadas, que buscará regularidade dende o principio (o día 15, contra o Complutense Cisneros) para esquecer a primeira volta da tempada pasada, que rematou na última posición.
Para avanzar no proxecto, hai esta tempada catro novas fichaxes estranxeiras. O primeiro, o piar de Tonga Maka Tatafu, veterano de 35 anos. O segundo, Sam Hayes-Stevensson, neozelandés de 24 anos, 1,90 e cen quilos de peso, reforzo para a terceira liña que chega do North Harbour, equipo no que finalizou a súa carreira o propio Monreal. O apertura será outro neozelandés, Luke Graham, de 1,82 e 95 quilos, que asumirá o rol de pateador principal do Vigo Rugby tras rematar a súa carreira universitaria e tralo seu paso polo Crusader Knights. O cuarto xogador non seleccionábel é o zaguero Josh Rowland, neozelandés de 24 anos, cunha gran contextura física: 1,85 e 95 quilos. Rowland e Maka Tatafu xogaban xuntos no Counties Manukau.
Amigable en Tordesillas
O Blusens Universidade-Vigo Rugby disputou xa un amigable en Tordesillas co actual campión de Liga, o VRAC Quesos Entrepinares. Perdeu 49-5, nun partido que supuxo o debut de Jérémy Simon, a quinta fichaxe, un apertura hispano-francés co que se negociou tralo encontro das seleccións de Galicia e Euskadi en Lugo. O XV de Monreal foi: 1- Oscar Ferreras 2- Vicente Prieto 3- David Redondo 4- Carlos López Marqués 5- Daniel Fuentes 6- Javier Abadía 7- Rubén Rodríguez 8- Alejandro Blanco 9- Joaquín Maguna 10- Jérémy Simon 11- Daniel Vázquez Aldemunde 12- Mauro González 13- Javier Parga 14- David Riveiro 15- Adolfo Rodríguez Uruburo. Como suplentes viaxaron: Marcos Muñiz, Juan Manuel Rodríguez, Jorge Barbudo, Pedro Rodríguez, Yago Rodríguez, Santiago Lemos, Brais Sánchez e Valentín Gutiérrez Bonifato. Carlos de Cabo e Mariano Berlande foron baixas.
Este venres, na universidade, arrinca o proxecto do Vigo Rugby 2013-14, que presentará as novas equipacións, da empresa galega Amura. Alí estará o presidente do club, Ramón González-Babé Iglesias, acompañando aos patrocinadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.