Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/03/2021 | Actualizada ás 12:59
De cara aos días festivos de Semana Santa, a Consellería de Sanidade incluíu na orde de medidas de prevención da covid-19 que entra en vigor este venres a regulación do uso de praias, onde, como ocorreu durante o pasado verán, os respectivos concellos deben limitar os aforamentos para garantir a distancia de seguridade e se limitan os grupos ao máximo de seis persoas, en caso de ser non convivientes.
En concreto, a orde publicada no DOG deste mércores lembra que "o concello respectivo deberá establecer limitacións tanto de acceso como de capacidade" nas praias, co obxectivo de asegurar que se poida manter nelas a distancia de seguridade. Para calcular esta capacidade máxima, considérase que a superficie de praia que vai ocupar cada usuario será, polo menos, de catro metros cadrados.
Do mesmo xeito, a situación dos obxectos persoais, como toallas ou hamacas, "levará a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade" con respecto a outros usuarios. Respectarase, ademais, o límite máximo de seis persoas por grupo, excepto no caso de convivientes. A máscara debe utilizarse para todos os desprazamentos --entradas, saídas e paseos-- e unicamente poderá quitarse durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado sen desprazarse e haxa distancia de seguridade entre non convivientes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.