Os partidos galegos alertan dunha nova cuarta onda e piden "prudencia" en Semana Santa

O PSdeG cre que as próximas semanas serán "unha proba de lume" e o PPdeG tamén apela ao cumprimento das normas para evitar un ascenso dos contaxios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2021 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, considerou que as próximas semanas suporán unha "proba de lume" para testar se se é capaz de "controlar o virus" ou se se volve a "unha senda de crecemento" como a das anteriores ondas e chamou á prudencia de toda a cidadanía.

"Despois de baixar o nivel das restricións existentes, despois desta ponte do día de San Xosé, despois da Semana Santa, veremos cales son os efectos do virus nas próximas semanas", sostivo Gonzalo Caballero, convencido de que "se a curva de contaxios" non dispara o seu ritmo poderase afrontar "unha primavera e un verán con máis garantías".

Neste contexto, incidiu en que é o momento da "prudencia" e da "responsabilidade colectiva". "Non podemos relaxarnos e baixar a garda", sinalou o secretario xeral do PSdeG, que pediu "non repetir os erros do pasado".

Gonzalo Caballero asegurou ser consciente de que a cidadanía "reclama cada vez unha relaxación maior". "Pero tamén somos conscientes de que a cidadanía sabe dos riscos que ten unha relaxación imprudente", indicou o socialista, que "fronte á imprudencia ou insuficiencia" pediu "responsabilidade e prudencia" para evitar unha nova onda.

Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela
Terrazas de restaurantes cheas de xente durante o segundo día da apertura parcial da hostalaría en Santiago de Compostela | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

PUY TAMÉN CHAMA Á PRUDENCIA

Así mesmo, noutra rolda de prensa celebrada na Cámara galega, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, considerou que o camiño para evitar unha cuarta onda é o que "están a dicir os expertos" e o que "segue a Xunta".

"Polo que vin e escoitei, unha das recomendacións fundamentais que convén reiterar por parte dos expertos e de todos os responsables que teñamos a mínima capacidade de influír nos nosos veciños é a precaución, o cumprimento das normas e seguir facendo caso a todos os consellos que nos dan", indicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta