Alumnado galego participará nun hackathon en liña para combater o discurso de odio

A actividade pertence ao proxecto de innovación educativa EpDLab, da ONGD Agareso.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Rapaces e rapazas de toda Galicia participarán este xoves, 25 de marzo, nun hackaton en liña, que comezará ás 9h e rematará ás 12h da mañá, co fin de combater o discurso de odio nos medios e nas redes sociais.

Hackathon en Silleda
Hackathon en Silleda | Fonte: Agareso

A actividade pertence ao proxecto de innovación educativa EpDLab, que desenvolve dende hai 6 anos a ONGD Agareso co financiamento de Cooperación Galega. Neste curso participa alumnado de 2º da ESO de IES do Milladoiro, de Brión, de Silleda, de Bueu e de Viana do Bolo.

O obxectivo desta actividade, defenden dende Agareso, é que a rapazada coñeza alumnado doutros lugares e colabore na elaboración dunha campaña de comunicación conxunta contra o discurso de odio.

"DESMONTAR O DISCURSO DE ODIO"

"Para facelo, terán que reflexionar sobre a importancia que ten a subxectividade na lectura que facemos cada unha e cada un de nós dos contidos que recibimos a través dos medios e das redes sociais, descubrirán os mecanismos que favorecen o espallamento dos estereotipos e bulos e aprenderán a desmontar o discurso de odio que sofren as persoas migrantes ou outros colectivos", sosteñen dende a asociación.

Así, os creadores desta iniciativa explican que os e as participantes traballarán a empatía, poñéndose no lugar doutras persoas; evitarán o uso de etiquetas ou estereotipos, desmentirán bulos e denunciarán os contidos racistas nas redes, "reivindicando que todos os seres humanos debemos ter os mesmos dereitos".

Así, a través da súa creatividade e o seu coñecemento das tecnoloxías da comunicación e das redes sociais, elaborarán memes e vídeos que desmonten o discurso de odio creado nas redes sociais.

O PROXECTO EN ANOS ANTERIORES

O Hackaton, que é unha maratón hacker e un encontro de traballo intensivo no que un grupo de persoas se coordina para solucionar un problema nun breve lapso de tempo, celebrouse en anos anteriores en Silleda, pero tivo que trasladarse á rede para sortear os riscos que suporía durante a pandemia xuntar rapazada de distintos centros de Galicia nun mesmo espazo. 

Con respecto ao plan EpDLab, nado hai 6 anos, este é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia e outros grupos en El Salvador e República Dominicana.

Neste, o alumnado traballa durante todo o curso con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta