Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 18:04
A portavoz en Europa e coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, rexeitou o intento de Turquía de ilegalizar ao Partido Democrático dos Pobos - HPD, ao que trasladou a solidariedade da executiva da súa formación.
"Son inaceptables as constantes vulneracións dos dereitos humanos por parte do Goberno turco e as súas decisións totalmente antidemocráticas", sinala a dirixente do BNG nun comunicado remitido aos medios.
O Bloque súmase ás accións internacionais de repulsa destes intentos do goberno turco e denuncia a proposta de ilegalización do HDP realizada polo Tribunal Constitucional de Turquía que considera que se suma a escalada de represión e persecución a cargos electos do HDP.
"Facemos un chamamento ás autoridades turcas a que acaben coa tentativa de prohibición do HDP e o ataque á democracia e aos dereitos civís", sinala Ana Miranda, que pide que se protexan os dereitos humanos e o respecto do pluralismo político en Turquía. A dirixente do Bloque considera que "non pode ser que a Unión Europa siga dando carta branca a un réxime que reprime ao pobo Curdo como o de Erdogan.
A portavoz do BNG en Europa lembra que, entre outros, hai un ano participou en Ankara no congreso anual do Partido Democrático dos Pobos - HDP, encontros nos que puido constatar que o curdo é un pobo que defende uns valores democráticos, que busca vivir en paz e que conta cun notable respaldo cidadán.
Ademais, Miranda tamén participou como observadora na Delegación do Parlamento Europeo sobre o encarceramento do líder Curdo do HDP turco, Selahattin Demirtas, a quen o propio Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo pediu que Turquía puxese en liberdade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.