Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2021 | Actualizada ás 20:11
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) convocou a sétima edición do Premio Literario Mazarelos, cuxo prazo de presentación de traballos permanecerá aberto ata o 30 de setembro.
Segundo trasladou a universidade, o certame, impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, está dirixido ao alumnado de grao, máster e doutoramento da USC, así como a persoal investigador contratado.
Deste xeito, búscase fomentar a creatividade da comunidade universitaria e o desenvolvemento da súa capacidade de expresión en galego, ademais de promover o descubrimento de potenciais figuras da literatura na lingua da comunidade.
A temática das obras poderá ser aberta ou científica e cada autor só poderá presentar unha proposta a cada unha das modalidades que deberá ser orixinal e ser escrita en lingua galega.
Posteriormente, un xurado outorgará os premios, que estarán dotados con 600 e 400 euros na modalidade aberta e 500 euros na científica. Este galardón conta con apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.