Ribadavia celebra este sábado o Día do Teatro con actividades para os veciños

Por E.P. | OURENSE | 25/03/2021 | Actualizada ás 11:42

Comparte esta noticia

O Concello de Ribadavia celebrará este sábado, día 27 de marzo, o Día Mundial do Teatro, con actividades para todos os veciños ao redor da escena nas que se garantirán todas as medidas sanitarias.

Nun comunicado remitido aos medios, o Consistorio detalla que desde as 12,00 horas haberá lecturas dramatizadas de fragmentos seleccionados da colección Abrente, o premio de textos teatrais que convoca a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e que están editados na colección da editorial Difusora.

A través dun formulario de inscrición aberto a toda a cidadanía, a lectura pretende animar a colectivos escolares, afeccionados e público en xeral a coñecer a dramaturxia galega actual a través dos textos galardoados.

O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello e será retransmitido en directo, para cumprir tanto cos deberes de xestión pública da cultura como a responsabilidade e seguridade sanitaria, sinalou o Consistorio. Xa ás 19,00 horas, o Auditorio municipal Manuel María da Casa da Cultura de Ribadavia, acollerá a estrea da ópera prima de Ainhoa Viñuela e Blanca Selas, 'Non vale parar'.

Conforme sinala o Consistorio, a película destas dúas ribadavienses non se trata dun documental ao uso, senón que é unha peza sensible fiada pola coreógrafa Laila Tafur, en residencia artística durante a MIT de 2020.

O aforamento estará limitado ás indicacións últimas das autoridades sanitarias competentes e para asistir será necesario confirmar asistencia a través do correo contacto@aebcomunicacion.com.

Imaxe do documental que se estreará este sábado en Ribadavia. CONCELLO RIBADAVIA
Imaxe do documental que se estreará este sábado en Ribadavia. CONCELLO RIBADAVIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta