Estudantes e docentes da USC recuperan unha parcela do Xurés queimada polos incendios

No marco do proxecto 'Plantando cara ao lume', os participantes nesta expedición medioambiental repoboaron unha parcela en Muíños incendiada en 2016 con novas plantas de castiñeiro e carballo.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2021 | Actualizada ás 20:55

Comparte esta noticia

Estudantes e docentes da Universidade de Santiago de Compostela, ao abeiro do programa ‘Plantando cara ao lume’, levaron a cabo diversas actuacións de recuperación de terreos da Serra do Xurés, conseguindo recuperar unha das parcelas que fora destruída polos incendios.

Participantes na expedición 'Plantando cara ao lume' na Serra do Xurés
Participantes na expedición 'Plantando cara ao lume' na Serra do Xurés | Fonte: Helena González Rubianes

No marco de ‘Plantando cara ao lume’, a mediados de marzo desenvolveuse unha expedición no Parque Natural da Serra do Xurés, nunha zona afectada polos incendios forestais e na que "é preciso unha mellora da xestión forestal para reducir esta problemática e minimizar así as consecuencias das lapas sobre os bosques, a auga e o medioambiente", defenden desde a Universidade.

Por outra parte, os docentes, investigadores e estudantes implicados nesta actuación salientan ademais os efectos negativos que provocan os lumes forestais no desenvolvemento rural dunha zona "que atopa entre as súas fortalezas a actividade forestal e o potencial turístico".

OUTROS ESTUDOS

Outro ámbito no que traballaron os participantes da expedición foi no coñecemento e estudo das particularidades da fauna e da flora do Parque Natural da Serra do Xurés, segundo indicou o profesor Agustín Merino.

Este investigador sinalou que a expedición desprazada ata a Serra do Xurés gozou dunha oportunidade para ampliar os seus coñecementos sobre a singularidade de determinadas especies vexetais e animais da zona que están ameazadas, a través da realización de diversos itinerarios e outras sesións formativas sobre o terreo.

Por outra parte, os participantes nesta expedición medioambiental repoboaron, tamén, unha parcela do lugar de Piñoi (concello de Muíños) incendiada en 2016 con novas plantas de castiñeiro e carballo. Estas especies foron escollidas para proporcionar unha alternativa silvícola máis acaída aos sistemas xa afectados por incendios, "xa que estas plantas actuarán como barreira natural contra o problema dos lumes forestais tan habitual na rexión", explican.

COLABORACIÓN

Estas actuacións contaron coa participación de estudantes, investigadores e docentes da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) e da Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC, así como das facultades de Bioloxía, Ciencias da Educación, Ciencias da Comunicación e Economía da sede universitaria compostelá.

Tamén contaron coa axuda de persoal das comunidades de montes locais, así como por xestores forestais da propia Administración autonómica, empresas da contorna e outras entidades colaboradoras.

O proxecto, coordinado polo catedrático da USC Agustín Merino García, recibe financiamento da Federación Española de Ciencia y Tecnoloxía (Fecyt) e na actual edición tamén conta coa participación das universidades de Castela a Mancha e Córdoba, ademais do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria, con sede en Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta