Galicia presenta 354 proxectos, a maioría públicos, para captar 19.698 millóns dos fondos europeos de reconstrución

247 sitúanse no ámbito do sector público e outros 107, nos sectores industriais e económicos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/03/2021 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

A candidatura galega para os fondos europeos de reconstrución 'Next Generation' estará integrada por un total de 354 proxectos, cuxa investimento total ascende a 19.698 millóns de euros. Do total, 247 sitúanse no ámbito do sector público e outros 107, nos sectores industriais e económicos.

Feijóo preside a reunión semanal do seu Executivo
Feijóo preside a reunión semanal do seu Executivo | Fonte: Xunta de Galicia.

Entre os proxectos previstos, o vicepresidente económico, Francisco Conde, confirmou que hai "unha proposta en firme" coa colaboración de Reganosa para a construción dunha planta de hidróxeno verde nas Pontes.

Previamente, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, remarcou que é consciente de que non todos os proxectos galegos lograrán obter os fondos, pero remarcou que si está convencido de que "cumpren os resquisitos" para poder competir e tratar de formar parte da candidatura española. Ao tempo, esixiu "concorrencia competitiva".

Convencido de que os fondos europeos constitúen "unha vacina económica" para a reactivación, manifestou a súa preocupación porque ata agora "sobran incertezas e falta transparencia" sobre os criterios, antes de reivindicar que todas as comunidades deben xogar "nunha liga aberta", coas "mesmas regras" e sen que os "árbitros" inflúan no resultado. "Que o árbitro arbitre, pero sexa imparcial", remarcou.

"Queremos xogar o partido", insistiu, para recalcar que é preciso evitar as componendas", dado que o obxectivo é "mellorar a economía do país". Por iso, Feijóo, quen trasladará este informe sobre a candidatura galega aos líderes de BNG e PSdeG, cos que se reunirá este venres, avisou de que o Goberno central debe ter claro que o reto é económico e non preservar os seus apoios parlamentarios.

"Iso é moito máis importante que tentar pactar con determinadas minorías o diñeiro que é de todos", sentenciou.

"UNHA LIGA XUSTA"

Núñez Feijóo tirou de símil deportivo para instar o Goberno a definir unhas "regras" iguais para todas as comunidades autónomas á hora de que a Administración central faga súas as propostas de cada territorio para elevalas ante a Unión Europea.

"Queremos competir. Queremos que haxa unha liga xusta, onde haxa unhas mesmas regras e os árbitros non inflúan no resultado", apuntou Feijóo, que cre que no proceso que se abre para optar a fondos Next Generation "sobran incertezas e falta transparencia", pois se está dando, segundo o presidente, un escenario de "moita intranquilidade.

CINCO ALICERCES TRANSVERSAIS

Tras Feijóo tomou a palabra o vicepresidente e responsable da área económica, Francisco Conde, que sinalou a existencia de cinco "cadeas de valor" sobre as que se asintan os máis de 350 proxectos.

O primeiro eixo é o que aglutina un maior número de iniciativas cun terzo do total. Así, 126 proxectos pivotan en torno á área de desenvolvemento sustentable, con iniciativas que pasan pola protección do medio ambiente e a biodiversidade, o fomento de cuestións vinculadas ao cambio climático, ou as enerxías renovables, a descarbonización e a eficiencia enerxética.

O segundo ámbito é a mobilidade sustentable, que suma 32 iniciativas que van desde as infraestruturas intermodais e verdes, o desenvolvemento do vehículo eléctrico e autónomo, sistemas intelixentes e drons.

O terceiro campo sitúase no impulso aos 'hubs' de innovación, para o que hai 56 proxectos que pasan pola configuración de centros de transferencia de tecnoloxías disruptivas ou a instalación de tecnoloxía 4.0 en pequenas e medianas empresas.

O cuarto eixo fai referencia ás cadeas mar-industria e agro-industria, que suman 71 propostas que pretenden reforzar o papel industrial nestes ámbitos produtivos coa implantación de novas tecnoloxías como vía para fixar poboación.

Por último, a sanidade e o desenvolvemento da "nova economía dos coidados" protagoniza o quinto campo de actuación, que aglutina 69 proxectos orientados a mellorar a calidade de vida e a atención dos galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta