Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2021 | Actualizada ás 19:58
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico lembrou que a ampliación do espazo Rede Natura 2000 en Galicia corresponde exclusivamente a Galicia e, por tanto, a Administración central "non é competente para valorar a necesidade" de incrementar a superficie baixo este paraugas de protección.
Así figura na resposta do Goberno central a unha pregunta formulada por Galicia En Común, integrada no grupo de Unidas Podemos no Congreso, na que o deputado Antón Gómez-Reino cuestiona o proceder da Xunta respecto das figuras de protección ambiental e a tramitación de proxectos industriais asentados en espazos naturais.
"A Xunta vén mostrando un abandono de funcións máis que evidente, desatendendo a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 realizada pola Unión Europea e tamén o propio mandato do Parlamento de Galicia no ano 2017", sinalou o parlamentario e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino.
Para o deputado, a "política" do Goberno de Alberto Núñez Feijóo baséase en permitiar que "se poidan asentar as grandes multinacionais" sen atender "o impacto ambiental e económico" para o tecido social e veciñal das áreas afectadas por proxectos como os parques eólicos de Pena Trevinca e as serras de O Galiñeiro e A Groba.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.