Temas: SENDEIRISMO

Localizados tres sendeiristas perdidos en Parada de Sil e outros dous na Serra do Xurés

Todos foron atopados grazas ao envío de coordenadas desde móbiles.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 28/03/2021 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

Os servizos de emerxencia localizaron a un grupo de tres sendeiristas que se perdeu mentres realizaba unha ruta entre os canóns do Sil e o mosteiro de Santa Cristina, en Parada de Sil (Ourense).

Sendeirismo.
Sendeirismo.

Segundo trasladou o 112 Galicia, os feitos tiveron lugar pouco antes das 22,00 horas deste sábado, cando o grupo contactou co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) para solicitar axuda. Así, estas persoas explicaron que crían atoparse próximas á OU-0605, pero que non podían atopala polos seus propios medios.

Deste xeito, os xestores do 112 Galicia solicitaron aos senderistas que lles enviasen as súas coordenadas e trasladaron esta información aos axentes da Garda Civil. Así, coa colaboración dos membros de Protección Civil de Parada de Sil, as tres persoas foron localizadas en perfecto estado de saúde poucos minutos despois.

Por outra banda, outros dous sendeiristas que se perderon na Serra do Xurés tamén foron localizados mediante o envío das súas coordenadas a través da aplicación de mensaxes instantánea Whatsapp ao 112 Galicia.

En concreto, este grupo perdeuse na ruta de Corga da Fecha, en Lobios (Ourense), mentres tentaba atopar o seu vehículo, estacionado nas proximidades dun balneario.

Así, sobre as 20,30 horas deste sábado, os excursionistas contactaron co 122 Galicia, ao que indicaron que camiñaran durante dúas horas, pero non podían atopar o camiño de volta.

Tras recibir a información referente a súa localización GPS, os xestores do 112 Galicia trasladaron estas coordenadas aos axentes da Garda Civil, os membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Lobios e a Protección Civil da localidade. Unha hora máis tarde, as persoas foron atopadas polos equipos de intervención, que as conduciron ata o seu vehículo.

Temas: SENDEIRISMO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta