Os controis das medidas fronte á covid intensificaranse en Galicia durante a Semana Santa

O delegado do Goberno en Galicia pide á cidadanía "máximo respecto" ás normas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2021 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou este mércores na reunión entre a Xunta, representantes das forzas e corpos de seguridade e efectivos de emerxencia para coordinar o control das medidas de prevención ante a covid-19 nestes días de Semana Santa, durante os que se van intensificar os dispositivos.

Na reunión, da que informou a Xunta nun comunicado, participou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para explicar a situación sanitaria. Ademais, asistiu o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo; o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal; así como responsables da Policía Nacional en Galicia, da Garda Civil e dos servizos de emerxencias.

O obxectivo do encontro foi coordinar os esforzos nestes días centrais de Semana Santa para controlar o cumprimento das medidas de prevención ante a covid-19, tales como o peche perimetral da comunidade, o toque de queda, os aforamentos nos establecementos abertos ao público, o uso obrigatorio da máscara e demais medidas e restricións vixentes adoptadas polas autoridades sanitarias para frear a propagación do virus.

Na súa intervención, Rueda agradeceu a "implicación" e o "traballo" dos efectivos desde o inicio da pandemia e, en especial, desde que empezou a desescalada para "garantir o cumprimento das normas cunha presenza constante e actuando cando se producen infraccións".

Conforme indicou a Xunta, estas actuacións lévanse a cabo no marco dunha colaboración fluída a través da Sala de Control de Operativos (SACOP), o órgano específico creado para a coordinación das forzas de seguridade e os servizos de emerxencia na loita contra a covid.

O vicepresidente primeiro destacou que a vixilancia e unha maior presenza policial nestes días é fundamental para velar polo cumprimento das normas e detectar comportamentos irresponsables. Ademais, apelou á responsabilidade individual e ao "sentidiño" como o mellor modo para previr contaxios e a maior garantía do "cumprimento colectivo". Por tanto, avogou por evitar condutas que poñen en risco a saúde de todos e advertiu de que serán denunciadas e sancionadas.

PRIMEIRA REUNIÓN DO DELEGADO DO GOBERNO

Ademais, tamén este mércores e a través do seu perfil da rede social Twitter, o novo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, informou de que se puxo en contacto coas forzas e corpos de seguridade para coordinar o dispositivo de Semana Santa. Neste contexto, pediu á cidadanía "máxima responsabilidade" e respecto ás normas.

Control da Guardia Civil / Europa Press - Arquivo. / Europa Press
Control da Guardia Civil / Europa Press - Arquivo. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta