As axudas ao aluguer poderán solicitarse a partir deste mércores

Están destinadas a persoas afectadas pola pandemia e en situación de vulnerabilidade, que poderán solicitalas ata o 30 de setembro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2021 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Este mércores 6 de abril quedará aberto o prazo para solicitar as axudas da Administración Autonómica ao pago do aluguer para as persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade asociada cos efectos da pandemia de covid-19.

En total, a convocatoria está dotada cun orzamento inicial de 2 millóns de euros para a subvención da renda de aluguer de vivendas habituais. As axudas, segundo establece a orde publicada este martes no DOG, poderán solicitarse ata o 30 de setembro.

Este programa, posto en marcha xa en 2020, no que chegou a "máis dun milleiro" de beneficiarios, vivirá este 2021 a súa segunda edición, na que poderán optar aos apoios económicos os titulares dun contrato de aluguer de vivenda habitual e permanente que teña unha duración mínima dun ano.

Segundo explica a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, estas persoas deberán acreditar que se atopan en situación de vulnerabilidade económica, desemprego, ERTE ou redución de xornada como efecto da pandemia que provocase unha "diminución substancial" dos seus recursos económicos. 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, comparece no pleno. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, comparece no pleno. XUNTA

Así mesmo, tamén poderán optar ás axudas as unidades familiares con ingresos que non superen o límite de tres veces o Iprem ou que teñan unha renda de aluguer e gastos básicos do 35% ou máis do diñeiro total que entra no núcleo.

Deste xeito, os beneficiarios recibirán unha axuda máxima de 500 euros mensuais durante un máximo de seis meses consecutivos, sempre que acrediten nese período estar en situación de vulnerabilidade.

As axudas serán compatibles con outros apoios económicos ao aluguer sempre que o total non supere o 100% do importe da renda. Non obstante, a Xunta establece como excepción os programas do Bono de Alugueiro Social e do mesmo programa pero orientado a vítimas de violencia de xénero, xa que, en ambos os casos, segundo detalla a Xunta nun comunicado, os beneficiarios xa teñen cuberta a totalidade dos seus arrendamentos.

Unha das novidades que introduce a convocatoria deste ano é que o pago da subvención realizarase nunha única transferencia en lugar de mes a mes, como se fixo na de 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta