Denuncian que a Xunta incumpre a lei ao "impedir" a conciliación de profesores con fillos ao cargo

Segundo a CIG, Educación non concede reducións de xornada por "falta de persoal", pero o sindicato responde: "é unha medida abertamente ilegal".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2021 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Nova lea entre a Consellería de Educación e os sindicatos do sector. A CIG-Ensino vén de acusar á Xunta de Galicia de incorrer nunha “violación dos dereitos do profesorado” a raíz da suposta negativa da administración autonómica a conceder reducións de xornada para aqueles docentes que teñan dificultades á hora de conciliar vida laboral e profesional porque, por exemplo, teñan ao seu cargo un menor de idade.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante o pleno. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, durante o pleno. XUNTA

A denuncia da CIG-Ensino --destacan-- chega días despois de que a formación lle trasladara á Xunta o seu “malestar” ante a negativa a conceder reducións de xornada por garda legal. A administración autonómica, destacan, respondeu co envío das especialidades de secundaria nas que “non vai conceder nin permisos sen soldo nin reducións de xornada”. Son arredor de 20 especialidades.

“A medida de restrinxir o dereito a goza dunha redución de xornada para o coidado dunha menor maior a cargo supón unha violación dos dereitos do profesorado”, destacan dende a CIG. A este respecto, a formación subliña que aos docentes, “como ao conxunto das empregadas e empregados públicos, non se lle fixa ningún tipo de condición ou informe previo do seu centro de destino para poder exercer o dereito a reducir a súa xornada e o seu salario para atender unha crianza ou unha persoa maior a cargo”.

COLISIÓN DE DEREITOS

A formación sindical engade que, segundo a versión da Xunta, a negativa nace da “suposta

colisión de dous dereitos”: o do profesorado a ter esa redución e o do alumnado a recibir docencia. Para a CIG-Ensino esta xustificación é “improcedente e carece do máis mínimo rigor”. E subliñan, a modo de exemplo: “usando o mesmo argumento, estaría en disposición a Consellaría a non conceder permisos de maternidade ou paternidade?”

O problema estaría en que, nas especialidades sinaladas --e que poden ser consultadas na páxina do sindicato-- a limitación nas listaxes de substitución poñería moitas dificultades á hora cubrir as prazas. O pretexto non convence, con todo, á CIG, que engade, con respecto á negativa a recoñecer o dereito á redución de xornada: “entendemos que é unha medida abertamente ilegal e que se toma sabendo que os prazos de reclamación e mesmo de recurso á vía xudicial farían imposíbel o exercicio dun dereito relacionado coa garda legal dun ou dunha menor a cargo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta