Por Europa Press / Redacción | Madrid | 13/04/2021 | Actualizada ás 16:26
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este martes que o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia contempla 20 investimentos en sectores principais para os tres próximos anos, co foco en mobilidade sustentable, vivenda, enerxía, modernización da administración pública e dixitalización.
Así o trasladou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e á celebración da segunda reunión da Comisión Interministerial para a Recuperación, Transformación e Resiliencia á que asistiron todos os membros do Executivo.
En concreto, o plan contempla 13.200 millóns para abordar unha estratexia de mobilidade sustentable, segura e conectada; 6.820 millóns para a rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana; 4.315 millóns para a modernización das administracións públicas, atallando a temporalidade que sofre; 4.066 millóns nun plan de dixitalización das pemes; 3.999 millóns para avanzar no 5G; e 3.782 millóns para unha nova política industrial e a estratexia economía circular.
Así mesmo, destinaranse 3.593 millóns nun plan de competencias nacionais en dixitalización; 3.400 millóns irán ao sector turístico do país; 3.380 millóns para o desenvolvemento da ciencia e innovación e 3.165 millóns para a integración de enerxías renovables.
"O Plan de Recuperación é a maior oportunidade para España desde a súa entrada na UE", recalcou Sánchez asegurando que o país "non vai deixar escapar a oportunidade que se presenta cos fondos europeos, non só para abordar a urxencia da crise, senón tamén para deseñar o modelo de futuro do país para na próxima década".
Ademais dos investimentos xa mencionados, o plan tamén contempla 2.492 millóns nunha nova economía dos coidados; 2.363 millóns en novas políticas públicas para un mercado de traballo "dinámico resiliente e inclusivo"; 2.091 millóns para a preservación do litoral e recursos hídricos e 2.076 millóns nun plan estratéxico de formación profesional.
Tamén inclúe 1.642 millóns para a conservación e restauración de ecosistemas e biodiversidade; 1.648 millóns en modernización e dixitalización do sistema educativo; 1.555 millóns para a folla de ruta do hidróxeno renovable; 1.365 millóns para infraestruturas eléctricas, redes intelixentes e almacenamento; 1.069 millóns para a renovación e modernización do sistema sanitario e 500 millóns para a estratexia nacional de intelixencia artificial.
Así, en total, mobilizaranse no período 2021-2023 investimentos públicos por importe aproximado de 70.000 millóns de euros, que terán un impacto "inmediato" na economía e no emprego este mesmo ano.
O presidente do Goberno sinalou que o Plan, articulado en catro eixos, componse de 212 medidas, das que 110 son investimentos e 102, reformas, con dous obxectivos fundamentais: impulsar a recuperación económica no curto prazo e reconverter e transformar a economía española para facela máis competitiva e sustentable.
ESTADO DE ALARMA
Sánchez admitiu este martes que as próximas semanas serán "complicadas, como consecuencia dos efectos da Semana Santa", pero asegurou que grazas á aceleración da vacinación que prevé e ao marco xurídico co que contan as comunidades autónomas será posible levantar o 9 de maio o estado de alarma.
Sobre a petición do lehendakari, Iñigo Urkullu, de prorrogar o estado de alarma, Sánchez defendeu que o escenario é "completamente distinto" ao de hai meses, grazas a ritmo que está a coller a vacinación e tamén ao desenvolvemento da cultura da cogobernanza, que ten como epicentro o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.