Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/04/2021 | Actualizada ás 17:42
A Xunta de Galicia avanza un paso decisivo na axilización e simplificación da tramitación e avaliación ambiental dos plans e proxectos que se leven a cabo na Comunidade galega coa definición dunha rede de entidades expertas neste ámbito. Precisamente, este era un dos requisitos que máis cuestionaban as grandes empresas á hora de realizar mega proxectos mineiros ou eólicos polas "dificultades" que supuñan estes expedientes.
Deste xeito, a avaliación ambiental -un requisito esencial de moitos proxectos empresariais- axilízase considerablemente, pasando dun período máximo de 5 meses a un mes. Un feito que para o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, “garante a máis absoluta protección ambiental, tendo en conta as diferentes normativas europeas, estatais e autonómicas que rexen na actualidade”.
Así, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta destacou que aposta por esta vía co obxectivo de “ofrecer novas oportunidades para Galicia”, á par que se fomenta unha colaboración especializada e de alto valor engadido entre a Administración e entidades privadas e profesionais de alta cualificación e solvencia.
“É unha oportunidade para que o órgano de avaliación ambiental conte co apoio máis elevado de competencia técnica para realizar de xeito obxectivo e efectivo a avaliación ambiental en calquera campo que normativamente así o exixa”, indicou.
Feijóo dixo que esta decisión está fundamentada na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, tamén coñecida como “lei de depredación industrial”.
"MÁXIMO NIVEL DE COÑECEMENTO EXPERTO"
O obxectivo do Goberno galego é contar co “máximo nivel de coñecemento experto”, polo que se propón un mecanismo de habilitación previa como condición necesaria para poder exercer as funcións de entidade de colaboración ambiental e de persoa experta. “Isto sen restrinxir ás empresas o seu acceso ao servizo, pero garantindo que as mesmas se desenvolven coa mesma competencia técnica, independencia e imparcialidade exixibles á Administración”, apunta a Xunta.
En todo caso, para poder exercer como entidade colaboradora deberá presenta unha comunicación previa, en que se constate o cumprimento dos requisitos que se determinen regulamentariamente, que dispoñen dos medios e da cualificación técnica necesaria, así como a cobertura da responsabilidade que implique a dita actuación, mediante subscrición do correspondente contrato de seguro ou garantía equivalente.
REGULAMENTO DESTES “COLABORADORES”
Con todo, o Goberno galego aclara que, co fin de preservar a obxectividade destes procedementos, é necesario establecer un rexistro público e transparente que asegure o escrutinio de todas as partes interesadas. A regulación legal das entidades de colaboración ambiental e do banco de expertos encoméndase a unha norma regulamentaria, polo que se inicia a súa tramitación coa consulta pública previa, tras o visto e prace dos membros do Goberno galego.
“Así, os interesados, cidadáns, organizacións e asociacións poderán trasladar as súas achegas que poidan enriquecer esta regulación, antes da elaboración do texto articulado do proxecto desta norma”, aclara.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.