Dous informes encargados pola Xunta avalan o endurecemento das penas por ocupación ilegal de vivendas

O Goberno galego asegura que no terceiro trimestre de 2020 produciuse "unha ocupación cada día" e demanda datos oficiais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/04/2021 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

Dous informes encargados pola Xunta apoian a reclamación da administración autonómica que solicita ao Goberno central unha reforma dos códigos Civil e Penal para elevar as penas por ocupación ilegal de vivendas. Os documentos, elaborados polos profesores de Dereito Penal Santiago Brage (USC) e Silvia Valmaña (UCLM), foron abordados na reunión do Observatorio da Vivenda celebrado este venres coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Manifestación convocada pola Asociación Gatos Roxos, contra a ocupación de vivendas e os okupas do barrio das Gándaras en Lugo
Manifestación convocada pola Asociación Gatos Roxos, contra a ocupación de vivendas e os okupas do barrio das Gándaras en Lugo | Fonte: Lugo Xornal

O encontro tivo como "punto fundamental" a ocupación ilegal de vivendas en Galicia, segundo comentou a conselleira, que fixo fincapé na "inseguridade xurídica" ao redor deste asunto, "que fai que moitos galegos non poñan a disposición para aluguer" os seus pisos e casas.

Vázquez asegurou que durante o terceiro trimestre do ano Galicia rexistrou "unha ocupación cada día", aínda que recoñeceu que os datos non parten dun censo oficial, cuxa elaboración demanda á Administración central. En todo caso, a Xunta está elaborando "un mapa da ocupación".

"Necesitamos ter unha comunicación fluída para contar con datos actualizados en relación á ocupación de vivendas", engadiu a responsable do Goberno galego, que concretou que a cifra sobre o terceiro trimestre do pasado ano xorde dunha "fusión" da información do Instituto Nacional de Estatística (INE), a fiscalía "e os datos que moitas veces son coñecedores moitos medios de comunicación antes mesmo que a propia comunidade autónoma".

ENDURECEMENTO DAS PENAS

Ademais de solicitar información oficial en torno ao número de vivendas ocupadas de forma ilegal en Galicia, a Xunta ve necesario acometer modificacións dos códigos Penal e Civil para achegar maior "seguridade xurídica" de cara a actuar ante este tipo de episodios e tamén exercer como un elemento "disuasorio".

"Non pode ser que estea máis penado a extracción dun teléfono móbil que unha ocupación ilegal", aseverou Vázquez, que tamén puxo o foco en que é preciso axilizar os procesos de desaloxo dotando de mecanismos ás forzas de seguridade, prohibir os empadroamentos en domicilios ocupados e "habilitar" ás comunidades de veciños para que "poidan actuar" ante estes episodios.

Segundo a conselleira, a lexislación en España quedou "obsoleta" para facer fronte a unha problemática que, di, converteuse en "normalidade" debido en parte aos decretos aprobados polo Goberno durante o estado de alarma que paralizaron os desafiuzamentos e desaloxos.

"En Galicia non queremos chegar aos datos doutras comunidades", engadiu Vázquez, quen advertiu da detección dunha sorte de 'efecto chamada' para a ocupación de vivendas.

"Parte dos ocupantes a súa orixe non é galega. Chegou a Galicia, ocupou e atrae a xente doutros lugares", apostilou a conselleira, que tamén resaltou que "o 99,9%" dos responsables de ocupacións "non se pon en contacto" cos servizos sociais para solicitar axudas municipais ou autonómicas á vivenda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta