Que oculta Repsol nas negociacións do ERTE da súa planta da Coruña?

A compañía Repsol anunciou un ERTE para a súa planta na Coruña e que afectará a máis de 200 traballadores. O martes día 20 de abril reuníronse o comité de empresa e a dirección da multinacional sen comunicar ningún resultado ante a petición de confidencialidade por parte da multinacional. Desde o comité apunta nerviosismo entre o cadro de persoal mentres que Repsol alega a situación do mercado para a aplicación do expediente temporal.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 21/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibía o dous de abril en Santiago ao conselleiro delegado de Repsol, Josu Jon Imaz, para unha reunión da que só transcendeu a intención de captar fondos europeos para a refinaría. Todo consonte ás novas disposicións que se perfilarán mediante as lexislacións medioambientais e de transición enerxética. A compañía petroquímica expoñía o 8 de abril un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que afectaría a dúas refinarías, a da Coruña e a de Puertollano (Ciudad Real). Os motivos que puxo sobre a mesa Repsol foron a baixa do consumo, a falta de mobilidade e a incerteza ante a recuperación da normalidade post-COVID.

Feijóo reúnese co conselleiro delegado de Repsol.
Feijóo reúnese co conselleiro delegado de Repsol. | Fonte: Xunta de Galicia.

O ERTE APARECIDO DA “NADA”

Os motivos expresados por Repsol nun email enviado a Galicia Confidencial sinalaban que “a pandemia, o descenso da mobilidade e a incerteza sobre cando se recuperará a normalidade, derivada fundamentalmente do proceso de vacinación, obrigaron a presentar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) por causas produtivas que terá unha duración máxima prevista de seis meses”.

O ERTE afectará a 212 traballadores e traballadoras da refinaría, un 30% do cadro de persoal. Os empregados non encontran unha explicación razoable á decisión da empresa e que ademais concrete na súa planta galega. “O último exercicio na Coruña deu uns beneficios de 600 millóns de euros” di Ventura Agis da CIG. Todo isto despois dun ano en que a dirección pedía ao persoal que cumprisen con horarios extra, acumulando xornadas de 12 horas. Por iso non entenden o apuro do ERTE agora.

“Repsol actúa como se o seu conglomerado de cinco factorías en España fosen unha única refinaría” di José Ramón Gómez da UGT. “Fan parar plantas ou seccións para que seccións doutras factorías leven o 100% da produción dun determinado produto”. Como exemplo pon se na Coruña para a unidade de coque, carbón que queda logo de destilar o petróleo para convertelo en elementos como gasoil ou gasolina, ese proceso sería levado enteiramente por Cartagena se así o decide a empresa.

Refinaría de Repsol na Coruña
Refinaría de Repsol na Coruña | Fonte: Gregorio Puga Bailón en Flickr.

“Detrás desta decisión do ERTE pode haber criterios políticos e de necesidade da mesma empresa, a COVID e a adaptación á Lei de Transición Enerxética de cara o 2025 para emisións cero” sinala Arturo Julián de CC.OO.

En tal caso, o comité de empresa da Coruña reuniuse este pasado martes día 20 de abril para falar coa dirección e mostrar o seu rexeitamento frontal ao ERTE. “Descoñecemos por que Repsol só aplica ERTE en Coruña e Puertollano, só que insisten nas vendas, mais nós tamén entendemos que a nova lexislación ambiental ten algo que ver” di o presidente do Comité de Empresa, Jacobo Naya da USO.

Pola súa parte, a Vicepresidencia Segunda, con competencias en industria responde que o contexto internacional marcado pola covid-19, "no caso da industria do noso país súmase tamén unha transición enerxética estatal errática que carece da necesaria planificación, provocando inseguridade e inestabilidade no tecido empresarial e, polo tanto, un impacto desproporcionado sobre a industria e o emprego".


REUNIÓNS CONFIDENCIAIS

A reunión entre o que fora presidente do PNV de 2004 a 2007, Josu Jon Imaz e Núñez Feijóo, non deixou en claro máis que a intención de captar fondos europeos para investir en novas modalidades de eficiencia enerxética e melloras tecnolóxicas. Non obstante, o mesmo Imaz non se presentara ese día no complexo da Coruña. “Non sabemos se se reuniu coa dirección da Coruña, á factoría non veu, cousa que si fixo noutras como Tarragona” di Jacobo Naya.

A conversa con Naya transcorre o mesmo martess 20, día da reunión coa empresa. “De momento estamos cos primeiros puntos mais existe un compromiso de confidencialidade sobre esta reunión. Posiblemente poidamos enviar un comunicado a semana que vén” apunta Naya. Ademais desta reunión están previstas outras tres. Unha o venres día 23 e dúas  para o martes 27 e posiblemente unha nova o xoves 29.

“Sabemos da reunión entre Imaz e Feijóo, mais por exemplo, a dirección non convocou ao comité de empresa para comunicarnos o ERTE” di Arturo Julián. “O expediente si ten vinculación coa nova Lei de Cambio Climático, porque foi anunciado ao pouco da aprobación da norma” sinala Ventura Agis.

Sobre se o ERTE pode dar paso a un ERE (Expediente de Regulación de Emprego) José Ramón Gómez estima que non será así, “sería inxusto, pois hai carga de traballo e iso sabémolo porque Cartagena non dá feito co refino”. Repsol ante a mesma cuestión responde que “o  ERTE é unha medida socialmente responsable e conxuntural, polo que non houbo ningunha formulación dun ERE”.

Todas as organizacións sindicais coinciden en que a multinacional non ten realizados investimentos en firme nas instalacións coruñesas. Apuntan que desde os anos 80 a renovación tecnolóxica foi escasa, aínda que noutras refinarías si houbo investimentos “piloto” presentados polo propio Imaz, a quen lle recordan que non ten pasado pola Coruña. Alén disto, Repsol engade que a compañía mantén os seus “compromisos de investimento na refinería da Coruña, onde conta con importantes proxectos de futuro, e continuará pola senda marcada dentro do seu Plan Estratéxico para os próximos cinco anos”.

O departamento do vicepresidente segundo, Francisco Conde apunta sobre as negociacións do ERTE que esperan que "impere o diálogo entre empresa e traballadores e alcancen a mellor saída para un ERTE que se ten que negociar a nivel estatal".

As negociacións do comité de empresa Repsol-Coruña coa dirección da multinacional parten de posicións enfrontadas: negativa frontal ao ERTE por parte do comité de empresa, circunstancias económicas obrigan a aplicalo segundo a compañía. É probable que ata finais da semana que vén non se teña nada seguro sobre a mesa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta