Temas: CONGRESOS CRISE

Xunta e organizadores de congresos buscan reactivar o sector

Asinan un convenio de colaboración para a posta en marcha de accións para paliar a crise sanitaria polo covid-19.

Por E.P. | Vigo | 20/04/2021 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

A Xunta asinou un convenio de colaboración coa Asociación de organizadores profesionais de congresos (OPC) de Galicia para a posta en marcha de accións de reactivación do sector tras a crise sanitaria polo covid-19, un marco no que empresas deste ámbito pediron ampliar a capacidade destes encontros.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asina un convenio de colaboración coa Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos de Galicia (OPC Galicia)
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asina un convenio de colaboración coa Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos de Galicia (OPC Galicia) | Fonte: Europa Press

Todos os relatores puxeron en valor os bos datos que chegou a rexistrar este sector, que en 2019 organizou máis de 1.000 eventos e atraeu a máis de 400.000 persoas a Galicia; así como a súa importancia para a desestacionalización do turismo e a atracción de persoas con poder adquisitivo.

A presidenta de OPC Galicia, Ana Trevisani, admitiu durante o acto que o último ano foi "terrible para todos os sectores", pero foi "despiadado para o sector MICE" (congresos, convencións, incentivos e eventos), no que a pandemia supuxo unha baixada do "70 por cento" da facturación.

"Aínda así, no sector galego fomos dos primeiros en reaccionar, planificáronse e montaron estudios virtuais", destacou, pondo en valor que se conseguiron ferramentas e solucións que agora "chegan para quedar" e convivir cos eventos presenciais, os cales "ansían" recuperar.

Pola súa banda, o presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, engadiu que espera que o comité clínico "dea datos dunha maior apertura na capacidade", acerca do que apuntou que "noutras comunidades con índices máis altos --de contaxio-- permítense máis capacidade".

"A saúde é o primeiro, pero a economía vai parella", subliñou, a colación do que reclamou ao Goberno galego que siga "apoiando o sector MICE para non permitir que se escape a outras comunidades autónomas".

Respecto destas cuestións, o vicepresidente da Xunta comentou que, aínda que son conscientes de que hai "moitas restricións", hai que tomar decisións "con sentidiño", xa que "é doado dar pasos en falso".

Así as cousas, indicou que a situación actual hai que consolidala primeiro, e "aos poucos" poderase "abrir a porta a que as cousas poidan ir cambiando e que a capacidade se poida ampliar"; un contexto no que reparou en que "moitos congresos son sectoriais", e algúns deles destínanse a colectivos xa vacinados.

"Por iso tamén ten que ter utilidade o certificado de vacinación", sostivo. Neste sentido, pediu a colaboración das empresas para que estean preparadas "para cando se abra a mobilidade"; e ademais chamounas a aproveitar o reclamo do ano Xacobeo e a "promover 'Galicia, destino seguro', que é máis que un slogan".

Temas: CONGRESOS CRISE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta