O PP Ourense lanza un órdago ao PSdeG e pide a Villarino que entregue a acta

É o "prezo" que poñen os populares para negociar unha posible moción contra Jácome.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 21/04/2021 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

A portavoz do grupo municipal do PP de Ourense, Flora Moure, pediu este mércores ao candidato socialista, Rafael Rodríguez Villarino, que entregue a súa acta e renuncie ao seu cargo como concelleiro.

O portavoz do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. PSOE OURENSE - Arquivo
O portavoz do PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. PSOE OURENSE - Arquivo

É o que solicitou en rolda de prensa como requisito previo a sentar a negociar para buscar un novo acordo no concello de Ourense que aparte ao actual alcalde Gonzalo Pérez Jácome, e tras insinuar que a proposta realizada polo socialista non é fiable.

En paralelo, emprazou ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, a que diga se a dirección galega está disposta a negociar de verdade "connosco" para garantir a gobernabilidade da cidade, e que para o PP pasa por un goberno de coalición. 


Moure sinalou que o partido ten "dúbidas da honestidade" e "das sospeitosas verdadeiras intencións" que hai detrás do anuncio de Rafa Villarino de apartarse da candidatura á Alcaldía e por iso piden que "se retire de verdade". "Non pode pór un monicreque, ceder ficticiamente o poder a unha persoa que el vai manexar por detrás ata que chegue un momento que a situación sexa máis propicia para que o volva á primeira liña da política provincial. Non imos permitir este engano á cidadanía de Ourense por tanto o que ten que facer é abandonar a coalición municipal", esgrimiu.

Flora Moure, incidiu en que o PP está disposto a negociar a coalición entre ambas as formacións pero necesitan saber se a organización autonómica do Partido Socialista así o permite. "Nós temos as mans libres, Villarino ten que presentar a súa renuncia a través do Rexistro Municipal", insistiu.

"Tememos que con esta manobra o que tenta é frear os propios movementos contra el desde o socialismo ourensán. Non está a pensar no futuro nin no benestar da cidade, estamos dispostos a chegar a un goberno de coalición mañá mesmo pero non poden contar connosco nunha trampa dunha moción de censura que favorecería un goberno en minoría socialista con Villarino de alcalde na sombra", sentenciou.

O motivo de esixir a renuncia como concelleira, para os populares, trátase de "fundamentos xurídicos", a lista "rota pero pode chegar a volver quedar el". "Non podemos permitir que sexa un ofrecemento non real. Para apartarse realmente do Concello ten que presentar a súa renuncia no rexistro", censurou Moure, á vez que reiterou que as actuacións do candidato socialista "demostraron que non ten credibilidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Sentidiño

Jácome goberna con tres concelleiros unha corporación de vinte e sete. Eses vinte e catro políticos si teñen o que merecen; os ourensaos non, de ningunha maneira.

1 Sentidiño

Estes do PP son o máximo! Primeiro, que o gañador das eleccións retire a candidatura a alcalde... e o candidato retírase! Segundo, que o gañador das eleccións marcha pá casa! Algo máis? Terá que entregar todas as súas posesións? Deberá fuxir a Portugal? Isto é o mundo ao revés.